Lugo, 16 de marzo de 2020. En cumprimento das medidas establecidas polo Centro de Coordinación Operativa (COC) da Xunta de Galicia no día de onte concretáronse e ampliáronse as medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus, en particular, no que se refire ao persoal da administración pública.
As oficinas de rexistro e información da Xunta permanecerán pechadas, mentres dure a actual situación. A atención cidadá canalizarase a través do teléfono habitual de información da Xunta, o 012, e a presentación de documentos poderá realizarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) as 24 horas do día.
No obstante tamén é importante subliñar que, de conformidade co previsto na lexislación autonómica e estatal vixente nesta situación de excepcionalidade, quedan interrompidos os prazos para os distintos trámites administrativos, isto é, prazo de solicitude de axudas, xustificacións, solicitudes, procesos selectivos, etc.
Como norma xeral o traballos dos funcionarios farase por medios telemáticos (teletraballo) sen necesidade de acudir ás instalacións, salvo para determinado persoal (xefes territoriais das distintas consellerías e algúns xefes de servizo) e outros funcionarios que se considera realizan funcións esenciais. Son funcións esenciais: persoal directivo, seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos de tecnoloxías da información, pago a provedores, habilitacións, garda forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e os que diten os órganos directivos
Os funcionarios que teñan que acudir aos edificios administrativos seguirán distintas quendas e consellos para minimizar o risco de contaxio. Ademais todos os empregados permanecerán localizables por si é preciso contactar con eles por necesidades de servizo. Estas normas non afectan aos traballadores sanitarios que están a máximo rendemento atendendo e prestando apoio ante a situación de pandemia.