A marcha do domingo en Viveiro pasará á historia da nosa comarca e do noso país: arredor de 20.000 mariñás e mariñaos camiñamos contra os despedimentos e peche da planta de Aluminio e auxiliares de San Cibrao. O motivo? Porque sabemos perfectamente o que estes despedimentos e este peche supón para os concellos da Mariña e para a provincia enteira.
Sabemos tamén que nin esta comarca, nin esta provincia, nin Galiza enteira teñen a capacidade industrial suficiente para amortecer o impacto desta perda. Sabemos que miles de familias veríanse obrigadas a emigrar. De novo. Como se as galegas estivésemos condenadas a repetir sempre a mesma historia, como se estivésemos condenadas a non poder medrar -en familia ou persoalmente- na nosa terra. E todo isto, por desgraza, ten unha orixe política. Como todo.
Este ermo industrial que estamos a padecer no país ten unha explicación sinxela: comodidade. Comodidade dos de sempre, dos que fartos de non facer nada durante anos por esta comarca, tiraron e tiran da hipocrisía habitual para acudir, segundo faga falla para a campaña, a actos e reunións sen despois facer nada de utilidade. Os mesmos das portas xiratorias que agora prometen nos seus espiches que “se gobernan” solucionarán o problema de Alcoa, o da enerxía. Un problema que puidemos ter evitado se o partido que agora goberna na Xunta, non o vetase no 2018. Unha proposta, o da Tarifa Eléctrica Galega, que se negou alegando que “el resto de españoles no lo entenderían”, mais claro, seguro que entenden ben cando se trata de consumir a enerxía que Galiza produce por un mínimo custo. Así como tamén entenden que Euskadi SI a teña.
Unha comodidade que se estende desde gobernos municipais ao goberno do Estado español pasando pola Xunta. Uns gobernos municipais que enriquecéronse nin máis nin menos que durante 40 anos dos cartos que deixaba esta factoría; uns gobernos municipais que, sabendo que todo tiña un final, non tiveron a ben buscar ou propoñer alternativas de emprego; gobernos municipais que, en definitiva, non souberon facer máis que pasar o formigón diante das casas a cambio dun montón de votos.
É esa a política útil? É ese o verdadeiro “voto útil”?
Tamén cabe falar aquí da (in)utilidade do goberno do Estado, ese goberno que prometeu por activa e por pasiva que aprobaría o Estatuto das Electrointensivas. Un PSOE e un Unidas Podemos que non deixan de decepcionar á clase traballadora mariñá demostrando que, unha vez se chega ao cargo, as promesas quedan baleiras de contido. Que impide agora ao goberno central para aprobar o Estatuto? Cal é o motivo polo que non é factible -como dixo o Vicepresidente segundo- a nacionalización ou intervención desta factoría? Non acaba de anunciar a Unión Europea a adxudicación de 160 mil millóns de euros a España para o “Plan Recuperación europeo”? Non foi esta factoría a primeira en considerarse fundamental tras o comezo do Estado de Alarma? Por que deixar morrer unha factoría chave? O que si sabemos é que esgótase o tempo e na Moncloa parece non haber vontade.
Así como tampouco a hai en San Caetano onde goberna un Feijóo ausente. Ausente na Deputación Permanente e ausente tamén nesta comarca e nesta provincia onde, a dicir verdade, tampouco se lle espera; un presidente que exerce de mero espectador nesta crise como se con el non fose o conto e como se non tivese un Conselleiro competente nesta materia; un presidente que en dúas semanas non tivo un oco para vir apoiar ás traballadoras da Alcoa e auxiliares e que non tivo a iniciativa nin a vontade que se esperaría dun dirixente nacional.
Que pasaría se a Xunta propuxese ao Goberno central unha colaboración económica para a nacionalización desta industria? Non sería de maior utilidade este tipo de propostas -que xuridicamente son posíbeis- que as comparecencias na TVG xogando ao ping-pong co goberno estatal?
Queda unha semana de negociacións entre patronal e sindicatos e o goberno estatal e galego deberían estar á altura da situación: á altura das traballadoras que viven con ansiedade todo este proceso e aínda así seguen loitando polo seu futuro e o dos seus fillos e fillas. Aquí tamén a mocidade mariñá e galega debese dar un paso adiante e exixir un cambio de rumbo para a comarca e para o país. Un cambio que nos permita medrar nas nosas vilas e aldeas e onde a emigración sexa por capricho e non por necesidade. Levamos moitos anos soportando este espolio e é hora de espertar.
Está nas nosas mans loitar por non seguir no estancamento que nos levou a este desastre ou pelexar polo que, por xustiza, é noso.
Ogallá un futuro con industria e un sector primario e servizos forte; un futuro tinguido de amor pola nosa terra, igualdade e dignidade.
Ogallá un futuro, na Mariña.
Pilar Vázquez, militante do BNG e Galiza Nova da Mariña.


















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
Ocorreu escasos minutos despois das 15 horas deste domingo, e foron recollidos pola embarcación Salvamar Shaula, de Salvamento Marítimo. Atopábanse subidos a unha balsa inchable na praia de Basteira, na Pedra (Cariño), foron arrastrados pola corrente e eran incapaces de retornar á beira. Dúas persoas metéronse na auga tratando de rescatalos, sen éxito. Ao final, a embarcación de rescate de Salvamento Marítimo recolleu aos menores e levounos ilesos ata o porto de Cariño. Ademais de a Salvamento Marítimo, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil.
O acto é aberto a quen queira participar neste recoñecemento. O grupo, con 80 anos de historia e formado por persoas de Figueras, Castropol, Vegadeo e Ribadeo, escolle este ano a Ribadeo para distinguir unha figura local, retomando a liña iniciada hai tres décadas con Luz Pozo Garza. As inscricións están abertas ata o luns 17 de agosto no número 680 13 24 24. Agárdase unha ampla participación.
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.



