Lugo, 24 de novembro de 2020. O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes na sesión plenaria do mes de novembro reclamarlle á Xunta de Galicia medidas efectivas para frear a segunda vaga de Covid-19 que afecta á comunidade. A moción do Goberno -PSdeG e BNG- foi aprobada cos votos destes dous grupos a favor e a abstención do grupo provincial Popular.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que é necesario que o Executivo autonómico exerza as súas competencias e desenvolva as tarefas de coordinación ante o aumento de casos de Covid-19 e do número de falecidos en Galicia. Entre esas medidas, cómpre que se reforce a loita contra a pandemia coa contratación de médicos e persoal sanitario de reforzo, dun xeito especial na Atención Primaria.
A institución provincial insta á Xunta a que abra unha liña permanente de colaboración cos concellos para facilitar información veraz, escoitar as reclamacións das alcaldías e ter en conta as súas achegas á hora de aplicar medidas ou levantalas. Tamén solicita que se faga un novo reparto de material preventivo aos concellos, “como máscaras ou luvas e que acompañe o envío de tests de antíxenos coa achega de persoal sanitario necesario para realizalos”, detallou García Porto.
“Pedimos que se cubran as necesidades de material de protección da comunidade educativa nos centros de ensino e que se asuma o custo das tarefas de desinfección das aulas, que agora mesmo na maioría dos casos están asumindo os Concellos”, insistiu a Deputada. Ademais, explicou que é necesario que o Goberno de Núñez Feijóo “deixe de aplicar criterios arbitrarios á hora de decidir que municipios ou territorios deben asumir as medidas más restritivas, como peches perimetrais, da hostalaría ou das actividades non esenciais”.
No debate, García Porto criticou a actitude do Goberno da Xunta por falta de transparencia e de arbitrariedade por pechar concellos como Monforte de Lemos, Viveiro ou Burela, cando concellos como O Incio, Cospeito ou Palas de Rei tiñan un maior número de casos por 100.000 habitantes.
Así mesmo, o Presidente e a voceira socialista do Goberno lamentaron que, unha vez máis, o Partido Popular aluda á manifestación do 8 de marzo para explicar a expansión do coronavirus no país. “Paréceme lamentable e triste, eu como muller síntome indignada coa súa actitude machista nas vésperas do 25N, é unha actitude intolerable”, incidiu García Porto ao referirse ás palabras do voceiro popular. Pola súa banda, ambos sinalaron que os populares non fan alusión ás aglomeracións que se produciron en outros eventos coma os partidos de fútbol ou a concentración que reuniu “aos tres magníficos de Colón”, sinalou o Presidente.
Solucións Ponte de Uriz
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou ante o Pleno que a institución provincial xa ten contratada a asistencia técnica para avaliar a capacidade da ponte de Uriz na LU-P-5101, en Outeiro de Rei, dende o 10 de novembro por importe de 6.437€. “A institución fixo as obras de mellora neste punto e adoptou medidas de seguridade limitando o paso a vehículos de máis de 10 toneladas por criterios. Este non é unha cuestión política. Dende a Deputación seguimos as pautas e direccións dos informes técnicos para atopar a mellor solución a unha infraestrutura que data do século XIX”, concretou Rivera no debate dunha moción do PP sobre esta ponte.
“O Partido Popular debería saber que xa foi contratada a asistencia que demanda na súa moción, 8 días antes de que a presentaran, porque neste Goberno o que queremos é velar pola seguridade da cidadanía e actuar para evitar posibles accidentes, non vale de nada animar á veciñanza a facer tractoradas enriba dunha ponte histórica, esa non creo que sexa a mellor solución para a súa conservación”, subliñou.
Por unha CRTVG pública
O Pleno deste martes tamén acordou reclamar a fin do uso partidista da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) por parte do Partido Popular. A moción, presentada polo grupo provincial socialista, saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e ten como obxectivo urxir á Xunta de Galicia a que “abandone as políticas de manipulación, sesgo informativo e o enfoque partidista, que incumpren os obxectivos legais cos que foi fundada a Corporación”, indicou a voceira socialista do Goberno.
A Deputación tamén solicita o cese do actual director da CRTVG e insta á elección do Parlamento dun profesional de consenso que “abra unha nova época para a radio e a Televisión de Galicia, recuperando a súa función de servizo público”, subliñou García Porto. O Pleno tamén solicita que se abra un diálogo co cadro de persoal para dar solución ás “continuas queixas e denuncias que se veñen repetindo os venres dende hai máis de 130 semanas para denunciar os obstáculos ideolóxicos que atopan para desenvolver o seu traballo”, concretou. A Deputada tamén avanzou que a institución reclamará que se “creen organismos de control interno que eviten que no futuro poidan repetirse situacións comas que se están a producir”.
García Porto puxo o foco en que “os sucesivos gobernos do Partido Popular veñen facendo caso omiso a estas denuncias e, lonxe de poñer remedio á situación, acentuárona dende a aparición do coronavirus, momento no que a canle pública converteuse no altofalante exclusivo de Núñez Feijóo, que evitaba á oposición no Parlamento ao tempo que lle negaba a presenza nos informativos públicos”. Precisamente, incidiu a Deputada, “a actual situación de crise sociosanitaria e económica, con restricións na actividade normal, fai que os cidadáns precisen máis que nunca de información plural e veraz, non sesgada en función dos intereses dun goberno”.



















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



