Cervo, 9 de novembro, 2020. O comité de empresa de Alcoa-San Cibrao deu esta mañá unha conferencia de prensa para anunciar que os representantes dos traballadores e das traballadoras están dispostos a reducir a presión e «aliviar» as perdas para a compañía se a multinacional senta a negociar a venda. «Nós estamos comprometidos e é preciso que Alcoa tamén se comprometa coa sociedade e cunha solución a esta problemática», sentenciou o presidente do comité, José Antonio Zan (CCOO).
Zan exemplificou o compromiso das traballadoras e dos traballadores ao permitiren «saír barcos de material esencial, que non está escrito en lado ningún que esteamos obrigados a deixalo expedir», así como cos provedores, aos que tamén queren axudar con esta proposta. «Nos últimos cinco meses, só comezamos con restricións aos provedores de alumino no último mes»
O voceiro de CCOO insta a Alcoa a negociar cos Gobernos galego e español «en igualdade de condicións», e tamén coa Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI), de cara ao posible regreso da fábrica da Mariña a mans públicas.
Neste sentido, Zan cualificou de «vergoñento» que, pasado máis dun mes, nin o Goberno de España nin a Xunta desen aínda resposta á petición de xuntanza da mesa multilateral de Alcoa, prometida en varias ocasións neste tempo. «Non pode ser que os únicos que están loitando para evitar os despedimentos sexamos os traballadores e os sindicatos nos xulgados», criticou o presidente do comité.
En opinión de Zan, Alcoa debe designar un interlocutor e, coida que este debe ser o presidente de Alcoa, Roy Harvey, quen no seu momento foi director da factoría de San Cibrao. «Ten bastante coñecemento da fábrica», apuntou o sindicalista, polo que «é a persoa axeitada para coller esta negociación».
Impugnación xudicial do ERE
O pasado venres, 6 de novembro, os sindicatos CCOO, CIG e UGT presentaron a impugnación do expediente de regulación de emprego (ERE), de xeito que se «fai efectiva» a medida cautelar determinada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que impide a paralización das cubas de electrólise.
