Madrid, 6 de decembro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou este sábado nun acto público na Mariña para trasladar as propostas que o BNG presentou aos Orzamentos do Estado para 2022 para garantir desenvolvemento económico, laboral e social da comarca. Destaca a emenda sobre a intervención pública de Alcoa pola SEPI que permitiría establecer un proxecto industrial solvente, pero tamén considera imprescindíbeis os investimentos en infraestruturas ferroviarias e nas comunicacións por estrada e mellorar así a comunicación da Mariña co resto da Galiza e do Estado.
No acto celebrado na Casa da Cultura de San Cibrao tamén interviñeron a responsábel comarcal de Galiza Nova, Pilar Vázquez, e o voceiro municipal do BNG en Cervo, Diego Fernández. Rego comezou falando do investimento territorializado previsto nos Orzamentos para 2022, nas que Galiza parte dunha posición mellor, ao rexistrarse un incremento do mesmo respecto do previsto no ano anterior. “Non cabe dúbida de que a posición de firmeza do BNG nas contas de 2021, denunciando a discriminación ao noso País e votando en contra, foi útil e provocou unha rectificación por parte do Goberno” explica Rego.
Porén, esa suba, a xuízo do BNG, no chega para compensar o déficit histórico en materia de infraestruturas e a baixada do anterior exercicio, por iso o BNG fixo máis de trescentas propostas de investimentos necesarios para a recuperación e o avance social e económico do noso País. “As emendas do BNG poñen o foco nas actuacións imprescindíbeis para Galiza, e van desde reclamar a modernización na nosa rede ferroviaria interna e a implantación do servizo de cercanías nas áreas metropolitanas até o desenvolvemento de plans de futuro para o sector naval, para a transición xusta nas comarcas afectadas polo peche das térmicas ou para o saneamento das rías e ríos da Galiza. Pero tamén fixemos propostas de política social, reclamando a suba nas pensións mínimas, o financiamento da dependencia, a baixada do IVE ao 4% nos produtos básicos como a luz e o peixe ou eliminando a discriminación por ter dous pagadores no IRPF, entre outros” expón o deputado Néstor Rego.
As emendas do BNG para a comarca da Mariña tiñan como obxectivo aumentar o investimento en materia de infraestruturas para asegurar o futuro do desenvolvemento económico e industrial da comarca. Presentaron emendas para conectar e vertebrar o territorio a través da futura A-74, coa construción dun enlace co polígono industrial de Barreiros, así como a comezo da autovía nos tramos Barreiros-San Cibrao.
“O tramo da N-634 entre Lourenzá e Barreiros precisa dunha reparación do seu firme, por iso presentamos unha emenda para que se leve a cabo unha actuación integral. Entre Mondoñedo e Abadín, quixemos que existise unha partida orzamentaria para prolongar o terceiro carril até a rotonda coa A-8 no Alto da Xesta” explica o deputado do BNG, co obxectivo de mellorar a seguranza viaria e a favorecer a fluidez do tráfico. En materia de seguranza viaria, a organización frentista tamén rexistrou emendas para a construción de rotondas na entrada de Foz, no cruzamento da N-642 coa LU-152 e na N-642 coa LU-162.
Así mesmo, lembra a emenda para a redacción do proxecto de adaptación do dique norte de Morás para a súa futura dedicación a usos comerciais, así como a construción do acceso central ao porto de Ribadeo. Nesta parte da comarca, a formación nacionalista tamén quixo levar a cabo a primeira fase de rehabilitación como senda verde do tren mineiro entre Ribadeo e A Pontenova. Ademáis, a modernización da liña do FEVE entre Ferrol e Ribadeo, actualizando as infraestruturas e incrementando as frecuencias para que funcione como un verdadeiro servizo de tren de proximidade como alternativa de transporte sustentábel foi outra das propostas do BNG.
A nula vontade do Goberno de incorporar ningunha das propostas para incrementar o investimento na Galiza levou a “abstención crítica” da formación nacionalista na votación dos Orzamentos. “Os partidos do Goberno terán que explicar a todos os galegos e galegas porqué non incorporaron aos orzamentos as necesidades do noso País” declarou Rego, “mais o BNG seguirá a defender con firmeza os intereses da Galiza”.
Solución para a crise industrial da Mariña
Para o BNG é un obxectivo prioritario a solución á crise industrial inmersa na Galiza. “Vulcano, Barreiras, Aluibérica, As Pontes, Siemens Gamesa, Vestas, Alcoa… Todas elas en risco de cesar a súa actividade e a perda de milleiros de postos de traballo” lembra o deputado nacionalista. “Presentamos emendas e fixemos especial fincapé nalgunhas delas, así, xa dixemos que o BNG tería votado a favor dos Orzamentos se o Goberno aceptara a intervención pública de Alcoa” manifesta Rego.
“Se París ben vale unha misa, a actividade económica e os postos de traballo da Mariña ben vale o voto favorábel do BNG. Non temos ningunha dúbida. Apoiaríamos os orzamentos a cambio da intervención pública de Alcoa” explica Néstor Rego.
Lamentabelmente, o PSOE non estivo disposto a dar ese paso, “dando as costas aos milleiros de persoas que levan anos loitando por unha solución de futuro e que o pasado día 17 saíron masivamente á rúa nunha folga xeral para reclamar a actuación dos gobernos galego e español que resolvan a crise social, económica e industrial desta comarca”. “Tamén o PP terá que dar explicacións, pois só uns días antes Feixoo pedira a intervención pública, mais cando chegou o momento de votar en Madrid, púxose en contra dos intereses dos galegos e galegas e votou en contra da adquisición de Alcoa pola SEPI” continúa o deputado nacionalista.
“Sempre dixemos que nos gustaría poder votar a favor destes orzamentos porque iso significaría que eran bos para Galiza. Mais non podemos apoialos porque poderían ser mellores. Faltou vontade por parte do Goberno para conseguilo. Unha oportunidade perdida de tratar con xustiza ao noso País” declara Rego que remata a súa intervención sinalando a necesidade de que Galiza conte cun “Grupo Galego” cun maior peso político para defender os intereses dos galegos e galegas. “O BNG seguirá traballando con coherencia en defensa de intereses de Galiza, das clases populares e das maiorías sociais do noso País” finalizou Rego.


























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



