Ribadeo, 3 de xuño, 2022. Para o BNG de Ribadeo, os nosos montes poden xerar moita riqueza se sabemos aproveitar con xeito as súas potencialidades. Queremos ser unha potencia producindo madeira, pero sen nos deixar levar polo monocultivo do eucalipto, e moito menos deixando que terras que até hai ben pouco eran de labradío sexan convertidas en plantacións de eucaliptos.
Tamén queremos ser unha potencia en produción enerxética, pero centrada nas necesidades do país: non podemos asumir os custos medioambientais dunha produción enerxética destinada en moi boa medida á exportación, e despois ter que pagar a luz, producida ao pé das nosas casas, como se fose xerada a miles de quilómetros, e pagando por ela como se fose transportada desde os principais centros de decisión (a algúns débelles parecer que se produce nos seus despachos!). Houbo abrazos, na historia política de Galiza, que mostraron con total transparencia como o goberno do PP maquinou e maquinou até lograr botar abaixo un plan eólico centrado en Galiza e que lle fixo fronte ás grandes empresas enerxéticas defendendo os nosos intereses. O abrazo entre Feijóo e Ignacio Galán (presidente e conselleiro delegado de Iberdrola) plasmou moi ben o comezo dunha nova era baseada na especulación. Ese señor Galán foi o que nos chamou parvos a todos e todas nós. Riu de nós. E os señores Feijóo e Rueda ficaron caladiños coma un peto das ánimas. Como tamén ficaron caladiños cando a empresa Iberdrola actuou procurando o incremento artificial do prezo da enerxía eléctrica que vendía reducindo a produción de enerxía eléctrica no río Sil (a Audiencia Nacional ven de procesar a Iberdrola por este motivo).
Ese mesmo afán especulativo é o que está a dominar agora a vida política e económica do país, cunha potenciación de novos parques eólicos de xeito desmesurado. Froito dos cambios estratéxicos que está a haber por mor do progresivo abandono das enerxías fósiles, e agora agudizado pola guerra en Ucraína, semella que todo vale para inzar de eólicos os nosos montes, e mesmo zonas de algúns vales con excelente produción agraria. Alá onde vexan que hai un promedio anual de horas de vento que fagan rendíbel un parque eólico, alá poñen o ollo sen ningún tipo de miramento. E todo iso, pensado para xerar beneficios para catro empresas e acabar condicionando o desenvolvemento económico e social sustentábel das zonas afectadas.
Na Mariña, no noso concello, Ribadeo, estamos a ver como grandes proxectos de parques eólicos, agochados en pequenas instalacións de aeroxeradores, poden condicionar outra serie de recursos (explotacións agrarias, a nosa paisaxe, alterar gravemente o ecosistema por mor das obras que hai que realizar para que sexa posíbel desprazar as pezas coas que construír os aeroxeradores, etc.). E de momento, só estamos a falar das instalacións de parques eólicos en terra. Non podemos esquecer que no mar tamén teñen planificado instalar aeroxeradores que de seguro han afectar aos nosos recursos pesqueiros, e tamén á nosa paisaxe. Como imos querer ser un referente turístico se xa amortecemos de entrada o noso principal reclamo natural deixando que incen de éolicos o noso horizonte? Ademais, a xente que vivimos aquí tamén temos dereito a gozar da nosa natureza.
Desde o BNG sempre apostamos polo coidado do noso medio ambiente. Estando no goberno da Xunta deseñamos un Plan Eólico que pensaba no país, combinaba desenvolvemento do noso potencial eléctrico coidando da nosa paisaxe. Desde os concellos nos que temos responsabilidade de goberno levamos a cabo políticas que procuran a mellora do noso medio ambiente. En Ribadeo levamos tempo apostando pola recuperación e mantemento da contorna da ría, así como a prolongación dese coidado por toda a senda do tren mineiro; tamén estamos traballando para completar os tramos de senda costeira ao longo da nosa liña de costa, o Plan Especial de Protección das Catedrais supón un fito na nosa aposta por preservar a nosa paisaxe evitando que un uso abusivo da mesma a deteriore irremediabelmente. Combinamos actividade económica con coidado do medio ambiente facilitando a recollida de residuos xerados pola actividade agraria. Apostamos por novos puntos limpos de proximidade. Poñemos en valor a nosa paisaxe desenvolvendo actividades vinculadas á mesma (xeorrutas, a observación de aves no seu hábitat, o programa de actividades “Renacer no cantil”…).
Por outra banda, é unha vergoña que a Xunta teña vixentes leis que non cumpre por medo ao desgaste; o Concello de Ribadeo tivo que tomar a iniciativa para que a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, que establece medidas para loitar, mediante a prevención, contra os lumes, fose aplicada. Ben deitamos da triste experiencia vivida polos concellos veciños no nadal de 2015. Por iso decidimos, desde o goberno municipal do BNG poñer en marcha todo tipo de medidas que axudasen a prever os incendios sen agardar á seca do verán, cando xa sería demasiado tarde. Algúns representantes no concello, e outras institucións, pensaban máis en como desgastar o goberno municipal do BNG que en velar polo cumprimento de dita lei. Á súa vez, o señor Feijoo e o señor Rueda, pouca présa tiñan por aplicala. Estaban máis pendentes doutras lerias.
Para facer fronte a estas actitudes, este domingo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, hai unha manifestación convocada pola “Coordinadora Eólica, así non”. Sairá da Praza da Alameda, en Santiago, ás 12 do medio día. É a nosa oportunidade para berrar alto e forte: a nosa terra é nosa e a nosa paisaxe perténcenos a nós e ás nosas xeracións futuras; non deixemos que catro especuladores acaben con ela. Desde o BNG de Ribadeo animamos a todas as persoas que amen a súa terra e a súa paisaxe a participar na mesma.


























As fotografías empregadas serán de uso interno e non se publicarán nin compartirán en redes sociais nin en internet. A actividade está aberta tamén a nenos e nenas doutros concellos.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.



