José Tomé Roca acompañou este luns ao ex Presidente da institución provincial lucense na súa toma de posesión como Delegado do Goberno, nun acto multitudinario celebrado no Palexco no que participou o Ministro de Sanidade e o Secretario de Estado de Política Territorial
Lugo, 3 de abril de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este luns á toma de posesión de José Ramón Gómez Besteiro como Delegado de Goberno en Galicia. “Hoxe é un día moi importante para a provincia, porque esta nova responsabilidade institucional de Gómez Besteiro contribuirá a reforzar aínda máis o peso que ten Lugo na axenda política e na acción do Goberno do Estado”, destacou José Tomé.
Na cita multitudinaria, que tivo lugar no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña, participaron centos de persoas e acudiron tamén o Ministro de Sanidade e anterior responsable da Delegación, José Miñones, o Secretario de Estado de Política Territorial e o Presidente da Xunta, entre outras autoridades estatais e galegas.
Incidiu o mandatario provincial na importancia deste nomeamento “porque é a primeira vez que un lucense asume o cargo de Delegado do Goberno en Galicia, algo que sen dúbida reforzará o compromiso que xa está demostrando o Goberno central coa nosa provincia” con feitos, “como o investimento de 546M€ na modernización da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, ou mesmo o acordo que anunciamos hoxe mesmo para converter o antigo Hospital de San Rafael nun centro de acollida de refuxiados cun investimento de 12M€”.
O Presidente da Deputacón, tamén Alcalde de Monforte e Secretario Xeral dos socialistas na provincia, desexoulle novamente a Besteiro “sorte e éxitos” na súa nova responsabilidade como Delegado do Goberno, e mostrouse convencido de que “coa súa gran capacidade e valía fará un excelente labor en defensa de todos os galegos e galegas”.









Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



