Ribadeo, 23 de novembro de 2024. Acisa Ribadeo entrega de forma gratuíta 4.800 novas bolsas para o comercio asociado. Están destinadas para a tempada de Nadal.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “como adoitamos facer polo Nadal este ano tamén entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas. Primeiro fixémolo coa hostalería e agora tócalle ao comercio. Nesta ocasión fixemos un esforzo extra, dedicando preto de 13.000 euros para a adquisición destes materias, algo que puidemos facer co cofinanciamento da Xunta de Galicia. Grazas a esta inversión contamos con 4.800 unidades destas novas bolsas comerciais”.
Carmen Cruzado, presidenta de Acisa Ribadeo, explicou que “deste xeito as nosas asociadas e asociados de comercio contarán con bolsas corporativas para o Nadal. Para o deseño utilizamos a imaxe de Acisa, na que se debuxa o noso SkyLine baixo o slogan de O teu comercio. Así entramos nos fogares de moita xente, entregándolles ademais un produto duradeiro, como gran novidade, xa que son bolsas de algodón 100% reciclado, iso quere dicir que se poderán reutilizar durante anos para moitas funcións, unha vez que a recibimos na tenda pola compra realizada no seu día. O tamaño das bolsas é o habitual, de tipo mediano que serve para a grande maioría de negocios”.
Pérez Prada comentou: “deste xeito respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociadas, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que son unha das súas maiores demandas. Nesta ocasión, por mor de ser bolsas de algodón dun maior custe, dispoñemos de menos unidades para repartir, pero podemos adiantar que a partires de xaneiro chegará unha nova remesa para que os nosos negocios dispoñan delas durante todo o ano”.
Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa, a través de subvencións como esta da Dirección Xeral de Comercio, de convenios ou de acordos e proxectos, que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica. Neste caso falamos da orde de axudas do proxecto Comercio Circular para a promoción da sostibilidade ambiental”.
E engadiu que “na directiva de Acisa estamos moi satisfeitos de poder seguir ofrecendo diversidade de materiais ás nosas empresas, xa que sempre son moi demandados e moi ben recibidos. Aqueles asociados e asociadas que desexen estes materiais, falamos neste caso das bolsas reutilizables para o comercio, poden solicitalas dende hoxe e ata o 1 de decembro. E poderán comezar a recollelos nas oficinas de Acisa, na rúa San Roque, 57-baixo, de 9:30 a 14:30 horas ou de 15:30 a 17:30 horas”.
Na presentación desta nova tirada de bolsas para os comercios de Acisa participaron Carmen Cruzado, Trinidad Otero e Jesús Pérez.









O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



