Intenso encontro cun ritmo trepidante, especialmente na primeira parte, no que as burelenses non lograron sobrepoñerse ás súas eternas rivais
Burela, 7 de decembro, 2024. Ás 11.00h desta mañá celebrouse a 13ª xornada da liga de Primeira División Iberdrola FS, o partidazo do ano, o clásico Futsi Atlético Navalcarnero – CD Burela FS, no pavillón La Estación de Navalcarnero. Partido de nivel, moi competido, pero no que as madrileñas se sobrepuxeron na súa cancha con bastante contundencia, cun resultado final 6-2.
Inicio de partido cun ritmo frenético imposto polo conxunto local, que comeza mostrando o seu lado máis ofensivo salvando Ana Eliza ata tres tiros a porta consecutivos no minuto 2. No 3 chega o 1-0 sen tiros a porta por parte do Burela FS, Laura Córdoba róubaa en cancha visitante, case a media pista, e métea dende a área nunha boa combinación con María Sanz. Equilíbrase o ritmo entre ambos os equipos, pero mantense ou aumenta a intensidade, con poucos tiros a porta por parte de ambos equipos nos próximos minutos. Quinta falta do burela no minuto 8 e dúas faltas do Futsi no minuto 9. Evita o empate Marta Balbuena no minuto 12 sacando a córner un disparo de Dinha tras roubala en área rival, a mellor oportunidade do Burela ata o momento. No minuto 14 a capitá madrileña, Anita Luján, consegue o segundo coándoa entre as pernas de Ana Eliza nunha contra, tras un roubo e pase de Irene Córdoba. Un minuto despois chega o terceiro, outro golazo, esta vez de María Sanz, que regatea a Antía Pérez e dispara case dende a frontal nunha boa xogada individual. A dous minutos do descanso consegue recortar distancias o Burela, cun golazo de Dinha que dispara tras un roubo, contraataque e pase de Emilly. Pero a uns segundos a mesma Dinha comete a sexta falta e María Sanz marca o 4-1 no dobre penalti. Dúas ocasións para o Burela no último minuto desta primeira parte, a primeira un disparo baixo boísimo de Emilly que se coa entre a defensa madrileña pero despéxaa a córner cun paradón co pé a porteira, e a décimas do toque de bucina case a mete Cami dende o segundo pau nun pase de Emilly tras unha boa triangulación con Patricia.
A primeira metade do segundo tempo mantense sen goles, continúa a intensidade e o Burela móstrase máis ofensivo. Con Caridad en portería, salva o quinto das locais no minuto 25 sacando co pé un disparo cruzado de María Sanz. Disparo á cruceta de Irene Córdoba nun tiro de falta boísimo no minuto 31 e paradón de Marta Balbuena a un disparo de Patricia xusto antes do golazo de cabeza de Antía Pérez tras unha recuperación entre Noelia Montoro e Patricia, realizando un pase maxistral a yeclana que finaliza Antía e consegue o segundo no mesmo minuto 31. Continúa o ritmo intenso con moitas idas e vidas e gran concentración por parte dos dous equipos tanto ao defender a súa portería como no intento de conseguir tirar a porta rival. Cando parecía que as madrileñas vivían o seu peor momento, chega o quinto, outro golazo, esta vez de María Moreno, que a recupera na área burelense e defínea meténdoa desde o bordo da área. Roza o pau un remate de cabeza de Cami tras un saque de banda de Antía Pérez no minuto 37. A 4 minutos do final do encontro Ari recupéraa preto da área e dispara, tocando o balón nas mans de Caridad pero sen conseguir despexalo.
Remata o partido cun resultado final 6-2 que permite ao conxunto de Joan Linares afastarse con 39 puntos da espreita das mariñás na táboa, manténdose estas segundas con 34 puntos, a expensas do resultado entre o Melilla e o LBTL desta tarde ás 19.30 no Javier Imbroda; encontro que pode baixalas ao terceiro posto en caso de vitoria para as locais, ou compartir ese segundo lugar na clasificación coas melillenses en caso de empate.
A fin de semana que vén as Pícaras enfrontaranse a outro clásico, o “Derbi das Costas”, ante o Poio Pescamar FS, en Vista Alegre ás 18.45h.
Ficha Técnica Futsi Atlético Navalcarnero 6-2 CD Burela FS
Futsi Atlético Navalcarnero (6): Marta Balbuena; Irene, María Sanz, Laura, Marian, –cinco inicial-, Ari, Anita Luján, María Moreno, Leninha. Entrenador: Joan Linares
CD Burela FS (2): Ana Eliza; Dinha, Cami, Carolina Pedreira, Patricia – cinco inicial-, Emilly, Dany (C), Antía Pérez, Cilene, Noelia Montoro, Débora, Caridad. Entrenador: Julio Delgado.
Goles: 1-0, min.3: Laura Córdoba. 2-0, min.14: Anita Luján. 3-0, min.15: María Sanz. 3-1, min.18: Dinha. 4-1, min.18: María Sanz. 4-2, min.31: Antía Pérez. 5-2, min.34: María Moreno. 6-2, min.36: Ari.
Árbitros: Cristian Cubero, Luis Manuel Manso, Georgiana Alina Bancu, Alba Villegas.
TA: Irene Córdoba, María Sanz, Dany, Antía Pérez.

























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.


