Os populares piden que o Executivo central “sume esforzos para facer posible a obra de rehabilitación; e lembra que a Xunta xa financiou varias actuacións: a remodelación da Casa do Concello no seu momento, da biblioteca do mosteiro e, máis recentemente, da lanterna octogonal da igrexa
Lourenzá, 14 de xaneiro de 2025. O Goberno de España confirmou ante as preguntas do senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- que non ten previsto investimento para o mosteiro de San Salvador de Lourenzá a través do Ministerio de Cultura e, de forma paralela na mesma data, facía pública a resolución da convocatoria de axudas correspondentes ao 2% Cultural das que tamén queda fóra.
“A día de hoxe o compromiso de inversión por parte do Goberno de España con este mosteiro é de 0€” e, polo tanto, “o Grupo Popular defenderá no Senado unha iniciativa para pedir compromisos claros e orzamento para este obra. Ímoslle dar un mandato dende o Senado ao Goberno de España para que invista neste mosteiro”, incide o senador mariñán, José Manuel Balseiro.
Os senadores populares preguntaban de forma oficial ao Goberno de España se tiña pensado investir no mosteiro de San Salvador de Lourenzá porque “cremos que debería contribuír nalgunha medida á rehabilitación deste importante elemento do patrimonio cultural”; á vista de que “a Xunta de Galicia xa fixo varias actuacións no conxunto” como a remodelación da Casa do Concello no seu momento, da biblioteca do mosteiro ou, máis recentemente, da lanterna octogonal da igrexa.
A través do Ministerio de Cultura non ten previsto facer ningunha inversión nin ten comprometido nada: “non adquiriu compromiso algún de investimento no ben definido (…) e, polo tanto, non existe previsión de investimento ao respecto”. E explican que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana ten aberta unha liña de subvencións a través do 2% Cultural á que se presentaron máis de 400 proxectos e que “a convocatoria actualmente en curso se atopa pendente de resolución”.
Balseiro lamenta que “o Goberno tratase de enganar coa súa resposta porque o mesmo día que responde, o 26 de decembro, o Ministerio facía pública a resolución das subvencións con cargo a esa axuda e, por desgraza, o mosteiro de Lourenzá queda fóra” ao non ser concedida ningunha á Diócese de Mondoñedo-Ferrol que presentara un proxecto que supoñía un investimento de preto de 4,3M€ e pedía o financiamento do 70%, é dicir, 3M€.
FALTA DE PESO POLÍTICO E PASIVIDADE DO GOBERNO LOCAL
O senador mariñán considera que “a alcaldesa do PSOE e o senador socialista deberían pedir desculpas aos veciños e veciñas porque deron a entender que viría un investimento millonario para este mosteiro e o único que poden dicir no día de hoxe é que teñen 0 euros”.
Balseiro atribúe esta “falta de compromiso ao escaso peso político” dentro do seu propio partido que tamén goberna en España. Porque “o mosteiro de Lourenzá pode quedar fóra dunha convocatoria de axudas relacionadas co 2% Cultural, pero o Goberno de España pode investir tamén a través doutro tipo de subvencións ou a través dun convenio”, indica.
O portavoz do PP de Lourenzá, Roberto Díaz, condenou pola súa parte a “pasividade” do goberno local ante a situación do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, un referente na comarca declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Monumento, e que constitúe o máximo expoñente histórico e cultural do municipio.
Os populares apostan pola súa posta en valor como “punto neurálxico” do municipio que permitiría revitalizar o municipio dende o punto de vista económico, social e cultural. Díaz convida ao goberno local a “non perder oportunidades” e incide en que “dende o Partido Popular seguiremos traballando e facendo propostas para dinamizar o municipio e que Lourenzá medre”.
UNHA XOIA CUN GRAN DETERIORO
O mosteiro de San Salvador é un dos monumentos máis importantes e representativos deste municipio da Mariña lucense e tamén un referente do barroco galego. A súa fachada, finalizada no século XVIII polo arquitecto Fernando de Casas Novoa, considérase precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.
Foi fundado no século X polo conde Osorio Gutiérrez -tamén coñecido como Conde Santo, que se atopa enterrado nun sarcófago que se atopa na capela de Valdeflores da igrexa do mosteiro-. No século XII pasou de ser unha congregación familiar a depender da Orde Beneditina. A principios do século XVI, queda baixo a influencia de San Benito de Valladolid. No século XIX inicia a súa decadencia ata que entre 1910 e 1942 recobra a vida monástica da man dos monxes dependentes de Samos. Na actualidade acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra.
Algunhas estancias do mosteiro, desafortunadamente, presentan gran deterioro. Isto non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro, a pesar do seu importante valor como xoia do patrimonio histórico e cultural, ademais do relixioso.


























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



