Preto de 90 persoas participaron no curso 2024-2025, unha iniciativa para o envellecemento activo
Barreiros, 20 de xuño de 2025. O Concello de Barreiros organizou onte unha comida no local social de San Xusto como acto de clausura do programa ActivaMente, que pecha así unha nova edición cunha elevada participación.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou que “este ano, novamente, superouse o número de persoas inscritas con respecto a outros anos, polo que vese que é un programa que gusta e que está moi ben valorado polas persoas que toman parte no mesmo”. A rexedora estivo acompañada pola totalidade do equipo de goberno municipal.
O programa Activamente, impulsado polo Concello de Barreiros, deu comezo no pasado mes de outubro e contou con preto de 90 persoas inscritas. Trátase dun programa dirixido a persoas maiores de 65 anos, así como a persoas xubiladas de máis de 60 anos ou con discapacidade que ten como obxectivo fomentar un envellecemento activo a través de actividades cognitivas.
Neste curso, os talleres desenvolvéronse en diferentes puntos do municipio barreirense, con grupos en San Xusto, Cabarcos, San Miguel e dous grupos en San Cosme.
As persoas participantes quixeron facer unha mención especial á “súa profe”, a educadora familiar, Vanesa Fernandez, como agradecemento ao seu bo facer na impartición dos obradoiros e a orixinalidade das propostas feitas ao longo de todo o curso.
O Concello de Barreiros reafirma así o seu compromiso con políticas activas de benestar para a poboación maior, promovendo espazos de encontro, aprendizaxe e coidado da saúde.