Ribadeo, 12 de xuño de 2025. Cruz Vermella vén de celebrar no municipio de Ribadeo unha emotiva xornada de convivencia, creatividade e agradecemento a través da inauguración da exposición artística “Pintando coas amizades”, protagonizada polos nenos e nenas participantes no proxecto “Éxito Escolar”.
A mostra recolle o traballo realizado durante varias semanas polos máis pequenos/as, coa coordinación e apoio do equipo de voluntariado da organización humanitaria, así como coa colaboración do Concello de Ribadeo. A iniciativa ten como obxectivo fomentar a expresión artística, a autoestima e o compañeirismo entre a infancia do programa.
Durante o acto de presentación, fíxose un especial recoñecemento á voluntaria Sole, promotora desta idea, pola súa implicación e ilusión en transmitir aos nenos e nenas o seu amor pola arte, así como á profesora Maica, da tenda O Bosque Animado, que impartiu un obradoiro de forma totalmente altruísta e no seu día libre.
Agradeceuse tamén o labor de todas as persoas voluntarias que cada martes e xoves acoden a ofrecer apoio educativo a menores, axudando non só cos deberes, senón tamén na creación dun espazo seguro, integrador e enriquecedor para toda a comunidade.
O acto contou cunha pequena merenda para compartir entre artistas, familias, voluntariado e representantes das entidades colaboradoras. Desde Cruz Vermella destacan que este tipo de actividades contribúen a fortalecer os vínculos comunitarios e a poñer en valor o talento e potencial da infancia.
“Estamos moi orgullosas do traballo das nosas pequenas e pequenos artistas. Sodes as verdadeiras estrelas deste día”, sinalaron as responsables do proxecto ao peche do acto.
A exposición “Pintando coas amizades” poderá visitarse nos próximos días no espazo habilitado no municipio, e desde Cruz Vermella anímase á veciñanza a achegarse a gozar das obras creadas con tanta ilusión.