A iniciativa terá lugar o luns 16 de xuño e desenvolverase na piscina municipal e na Praia da Caosa
Cervo, 11 de xuño, 2025. O Concello de Cervo colabora co IES Marqués de Sargadelos na organización dunha nova actividade extraescolar centrada no achegamento ao mergullo deportivo. Trátase dun curso de bautismo de mergullo, que terá lugar o vindeiro luns e que permitirá ao alumnado de 4º da ESO iniciarse nesta práctica.
A xornada comezará pola mañá na piscina municipal, onde os participantes recibirán unha formación teórica e práctica inicial. Xa pola tarde, a experiencia completarase coa práctica en augas abertas, na contorna natural da Praia da Caosa.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ao centro educativo para participar na presentación da actividade e destacou “a importancia de ofrecer oportunidades para que a mocidade explore novas disciplinas, sobre todo aquelas que poñen en valor o noso entorno natural e fomentan hábitos saudables”.
Caramés subliñou tamén o compromiso do Concello co deporte e coa educación: “Esta iniciativa é un exemplo do que queremos seguir facendo: colaborar estreitamente cos centros educativos para ofrecer experiencias enriquecedoras que vaian máis alá das aulas”.
Son actividades-engadiu- que axudan ademais a motivar o alumnado, a descubrir vocacións e a crear vínculos co medio mariño, co que tanto nos identificamos.
O curso será impartido por persoal especializado e conta con todas as medidas de seguridade necesarias. Trátase dunha actividade voluntaria e gratuíta, financiada polo Concello de Cervo no marco do seu apoio á educación e á promoción do deporte entre a xuventude.