A Mariña, 1 de xullo de 2025. A Plataforma Sanitaria da Mariña fai un novo chamamento para concentrarse diante do Centro de Saúde de Viveiro o xoves 3 de xullo ás 11:30 horas, en resposta á continuada situación de deficit de persoal que sufre este centro sanitario e que se prolonga desde hai varios anos. Desde o colectivo sanitario indican que as veciñas e veciños de Viveiro levan demasiado tempo cunha plantilla de facultativxs mermada, sin que desde a consellería se lle poña solución a un problema que atenta contra os principios da atención primaria e que non garante unha atención sanitaria de calidade.
Desde que o pasado 23 de marzo unha auténtica marea de persoas colapsara a principal arteria da cidade, cunha manifestación multitudinaria, as e os viveirenses continúan con concentracións cada quince días diante do seu centro de saúde para reclamar “máis sanidade”, “máis persoal” e “máis atención primaria”.
A coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro anima a todos e todas as veciñas de Viveiro e de toda a comarca a que se acheguen e se mobilicen para esixir uns servizos sanitarios co persoal necesario para garantir unha sanidade pública de calidade, e anuncia que non será a única localidade na que haberá mobilizacións este verán pois ” alí onde a consellería e o Sergas neguen ás persoas un servizos sanitarios co persoal ao completo, estaremos reclamándoos” – conlúe.