O Concello incorpora unha nova ruta de observación de aves migratorias e mantén as propostas consolidadas arredor do mar e o patrimonio natural
Burela, 4 de xullo de 2025. O Concello de Burela reforza a súa oferta turística para este verán cunha programación centrada na cultura mariñeira e nos recursos naturais do municipio. As rutas turísticas, xa activas, ofrecen diferentes opcións para coñecer o territorio desde perspectivas diversas, sempre co mar como fío condutor e sinal de identidade.
Entre as propostas destacan as rutas xa consolidadas, como a Ruta Xeolóxica, que permite descubrir a riqueza xeolóxica da contorna; a Ruta Mariñeira, centrada na historia e nas tradicións vencelladas ao mar; e a Ruta do Peixe, que inclúe a visita á lonxa e a posibilidade de presenciar en directo a subasta e venda do pescado, dacorto co concelleiro de turismo, Ramiro Fernández, “un elemento diferencial con respecto ao resto de experiencias”.
Como novidade, este ano incorpórase unha ruta de observación ornitolóxica, aproveitando o paso migratorio de distintas especies de aves por Burela. “Trátase dunha oportunidade singular e que está a espertar gran interese entre o público, con numerosas solicitudes xa rexistradas”, explicou o edil.
Ademais, continúase coa promoción do Barco Museo Reina do Carmen, un dos recursos turísticos máis singulares da Mariña, que ofrece unha visión directa da vida mariñeira e da tradición pesqueira local.
“Aproveitar para agradecer, unha vez máis, a todos os colectivos que colaboran con nós, neste caso tanto a Moncloa como Apsa, na potenciación turística de Burela. Entre todos, facendo equipo, vamos a máis, só hai que ver os datos que casa vez van a mellor”, concluíu o concelleiro.