Foz, 1 de xullo de 2025. O Concello de Foz informa que este mércores, día 2 de xullo, entra en funcionamento a nova reordenación de tráfico na rúa Sarria e no entorno da Rapadoira. Coa guía do Plan de Mobilidade elaborado na anterior lexislatura, o Concello de Foz está traballando no arranxo de distintas rúas, adaptándoas ás normativas de mobilidade e accesibilidade.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “Foz precisa investimento. A comezos do ano 2023 inauguramos a urbanización da Costa do Castro, a subida ao cemiterio, que pasou de ser un camiño a unha rúa segura. En Corporacións, grazas á inversión da Deputación de Lugo, dispoñemos dun firme axeitado, un paso peonil a carón do campo de fútbol, pasos de peóns ben sinalizados e máis prazas de estacionamento. A gran cantidade de xente que pasea a diario pola zona da Rapadoira pode facelo agora con máis seguridade, grazas á nova beirarrúa, aos novos pasos de peóns e a un único sentido único e cómodo de circulación para os vehículos”.
As rúas que mudan a súa configuración son as seguintes:
-Rúa Trapero Pardo, que pasa a ser de sentido único dirección Rapadoira.
-Rúa Alfredo Brañas, que pasa a ser de sentido único dirección Burela
-Paseo de Colón -Rapadoira-, que pasa a ser de sentido único dirección Llas
-Rúa Sarria, que entre Corporacións e Uxío Novoneyra pasa a contar con sentido único dirección as Torres
-Rúa Uxío Novoneyra, que pasa a ser de sentido único dirección Atalaia
-Rúa Atalaia, que conta con sentido único hacia Corporacións e hacia As Torres desde Uxío Novoneyra
-Rúa Cervo, que muda de sentido, hacia as Casas Baratas
O alcalde indica que “queda pendente de modificar os sentidos en Eduardo Pondal e Alfonso X. Unha vez estean rematadas as obras das Casas Baratas vai a ser moito máis sinxelo dirixirnos desde a Rapadoira ao centro de Foz. Cando estas dúas rúas teñan o seu sentido definitivo poderemos percibir a gran mellora na circulación dentro do casco urbano: iso será en outono deste ano 2025”.
O rexedor municipal tamén anuncia que, despois dun proceso de licitación aberto, a mesa de contratación propuxo a adxudicación por case 100.000 euros das obras de mellora das rúas Alfredo Brañas e Alfonso X a Construcciones Cazás SL, que comezarán no mes de setembro.