Viveiro, 2 de outubro de 2025. A Asociación Cultural Tanque de Zinc, acaba de comezar o circuíto escolar de monicreques “Peixe fresco do día”, que visitará todos os centros de Infantil e Primaria das dúas comarcas. Esta actividade está subvencionada polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura) e a Consellería do Mar, nun 70% e 30% respectivamente, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal (GALP),
A través desta obra, os nenos e nenas coñecerán, dun xeito lúdico e participativo, a importancia da cultura mariñeira, da sostibilidade e dunha alimentación sa e equilibrada baseada nos produtos do mar.
No marco da súa programación, Tanque de Zinc aposta por vincular creatividade e innovación co coidado do medio e do patrimonio. Así, esta iniciativa non só promove hábitos de vida saudables, senón tamén o respecto polo medio mariño e pola identidade cultural das comunidades costeiras.
En total, 27 centros educativos dos 13 concellos do territorio GALP A Mariña-Ortegal beneficiaranse desta proposta que, ademais de ofrecer unha experiencia artística, contribúe a poñer en valor o patrimonio cultural e pesqueiro do territorio.