Lugo, 6 de outubro. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre encheron o campo da festa de San Miguel de Reinante, en Barreiros, de música e baile, cun concerto incluído no ciclo Polavilas no paraíso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A presenza de Iria Penabad, integrante barreirense das Adufeiras, e a presenza das pandereteiras da agrupación local O Arco da Vella, que interpretaron pezas propias no escenario, sumaron emotividade e complicidade co público ao concerto, durante a sesión vermú das festas de San Miguel.
O deputado de Mocidade Daniel García destacou “a importancia de promover actuacións de música galega en festas patronais e celebracións populares, para achegar a un público cada vez máis amplo o enorme valor do nosa tradición musical”
A alcaldesa Ana Ermida manifestou que “foi un orgullo para Barreiros acoller esta actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre poñendo o mellor remate posible as festas de San Miguel” e valorou “o apoio da Deputación de Lugo para levala a cabo”.
Xabier Díaz repasou temas máis populares dos seus últimos catro discos – The Tambourine Man, Noró, As Catedrais silenciadas e Axúdame a sentir-, que teñen a pandeireta como instrumento central.