A portavoz nacionalista salienta o potencial dun territorio cun patrimonio xeolóxico “único no planeta” e pide maior apoio público
Santiago de Compostela, 27 de agosto 2026. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama á Xunta de Galiza un compromiso co Xeoparque Cabo Ortegal para poñer en valor todo o potencial deste territorio, que conta desde 2023 co recoñecemento da UNESCO e abrangue sete concellos. Pontón propón que o Goberno do PP poña en marcha un plan de financiamento estable e invista dous millóns de euros nos próximos cinco anos.
Durante a súa visita ao Xeoparque, a portavoz nacionalista destaca que se trata dunha iniciativa que representa “un modelo de desenvolvemento sustentable” baseado no potencial do territorio e na posta en valor das súas cualidades desde o punto de vista “xeolóxico, paisaxístico, cultural e humano”.
“O Xeoparque Cabo Ortegal non só singulariza o noso País, senón que tamén representa unha oportunidade para o desenvolvemento sustentable dun territorio con moito potencial, pero que precisa dun maior apoio público”, afirma.
Pontón puxo en valor que o proxecto “nace desde abaixo”, da man de persoas que “desde o primeiro momento creron neste proxecto”, e que contou co apoio dos concellos e da Deputación. A portavoz lembra que foi esa cooperación a que permitiu conseguir o recoñecemento da UNESCO, que pon en valor “que temos un patrimonio xeolóxico único en todo o planeta” e que constitúe “unha referencia a nivel internacional”.
A portavoz nacional do BNG advirte que o futuro do Xeoparque “non só pode residir na vontade destes concellos e no apoio económico da Deputación e os fondos Next Generation”, senón que tamén precisa “un apoio estable por parte da Xunta de Galiza”.
Ana Pontón reclama á Xunta de Galiza un plan estable de financiamento que contemple un investimento de dous millóns de euros nos próximos cinco anos. Segundo explica, estes recursos permitirían dar maior estabilidade á estrutura organizativa do Xeoparque, reforzar ámbitos como a investigación e a divulgación, ao mesmo tempo que contribuirían a aproveitar todo o seu potencial económico.
“O Xeoparque non é unha etiqueta, senón que ten que ser unha ferramenta de desenvolvemento económico que permita dar un maior apoio á economía local, á posta en valor e á mellora das infraestruturas de toda esta parte do noso País”, defende a portavoz.
A “hipocrisía” do PP coa crise de Ceuta
Por outra banda, Ana Pontón referiuse á situación que se está a vivir en torno á crise de Ceuta e denunciou a “hipocrisía” do Partido Popular, que “por un lado, di que hai que solidarizarse con Ceuta pero, por outro lado, está boicoteando medidas de apoio e de cooperación”, especialmente para atender aos nenos e nenas que se atopan “en moitos momentos e en moitas circunstancias, nunha situación que é inhumana”.
A portavoz nacional do BNG defende que todas as persoas teñen dereito a ser tratadas con respecto e que “hai que velar polo benestar da infancia”.
“Intentar sacar tallada política dun tema tan grave o único que demostra é até que punto o Partido Popular pasou moitas liñas vermellas e vela máis polos seus intereses partidistas que polo respecto aos dereitos humanos e as persoas”, conclúe a portavoz nacionalista.







A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.