Os premios foron entregados nunha gala no Pazo de San Marcos que conduciu o actor e comunicador Alberte Cabarcos e que contou coa música en directo de Paloma Suanzes
Lugo, 29 de setembro de 2026. O Pazo de San Marcos acolleu na tarde deste martes a gala de entrega dos VII Premios de Turismo, galardóns que entrega o Consello Provincial de Turismo -órgano impulsado e presidido pola Deputación de Lugo- co gallo do Día Mundial do Turismo, que se conmemora cada 27 de setembro.
Nesta edición foron distinguidas catro iniciativas que contribúen á promoción de distintas partes do territorio da provincia e do seu patrimonio material e inmaterial. Son o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, a Festa da Enfariñada de Trabada e o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, de Vilalba.
A gala foi conducida polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e contou coa música de Paloma Suanzes, cantante de A Quenlla, cantautora, arranxadora e intérprete galega.
As pezas musicais intercaláronse coa entrega do premio a cada unha das candidaturas, que consistiu nun diploma e nunha figura de cerámica de Gundivós. Foron entregados pola vicepresidenta do Consello e deputada provincial, Pilar García Porto.
Antes diso, a presidenta da Deputación, Carmela López, deu a benvida a premiados, acompañantes e público. Aos galardonados agradeceulles que sexan “embaixadores da nosa esencia”. “Co voso esforzo demostrades que a sustentabilidade non é unha moda. Sodes o motor que transforma o noso patrimonio nunha oportunidade de vida”, engadiu.
A mandataria destacou a “ampla variedade de recursos que ten a provincia, en múltiples lugares e cun completo calendario de actividades ao longo de todo o ano”. E reafirmou o compromiso da Deputación na renovación das infraestruturas, no apoio ás festas e eventos e no impulso á dixitalización e á formación do sector. “Cada euro investido en turismo é un investimento no futuro das nosas cidades, vilas e aldeas”, asegurou.
Os premiados: viños de Ribeira Sacra, torneiros de Xermade, Enfariñada de Trabada, Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana de Santaballa
Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e tamén ao Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade; na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Festa da Enfariñada de Trabada. Pola súa banda, o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade de Vilalba foi o recoñecido polo seu traballo ao Turismo Sostible.
O proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, presentado pola Oficina de Turismo de Vilalba, baséase nun binomio turístico innovador e sostible situado na parroquia de Santaballa, que combina unha Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana para potenciar o desenvolvemento local e a Axenda 2030. O proxecto busca aumentar as visitas de xeito responsable a través da conservación do patrimonio e o respecto á natureza, incluíndo futuras iniciativas como rutas guiadas gratuítas.
A Ruta Arqueolóxica de Santaballa é un itinerario de 14,94 km de carácter arqueolóxico e etnográfico, e os seus puntos de visita obrigada son a Escola Habanera (centro social e museo etnográfico que recrea unha aula da época e serve de homenaxe á emigración a Cuba) o Xardín Botánico e o Poboado Castrexo (espazos con especies autóctonas e recreacións patrimoniais) e xacementos como o de Pena Grande (o xacemento paleolítico máis importante de Galicia), Pena Chantada (menhir) e a Medoña de Estelo (túmulo megalítico).
A Feira Indiana e unha celebración anual que recrea a época da emigración chairega a América (especialmente a Cuba). Destaca pola súa antigüidade, xa que alcanza a súa XVI edición, pola ambientación histórica con traxes de época, música, artesanía e pola súa forte implicación veciñal.
O premio foi recollido pola alcaldesa de Vilalba, María Rouco, a concelleira de turismo vilalbesa, María Xosé Fernández, e o presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero.
A Festa da Enfariñada de Trabada é un evento gastronómico e cultural anual que se que organiza o concello de Trabada co obxectivo de recuperar, conservar e divulgar a “enfariñada”, un dos pratos máis singulares e representativos da tradición culinaria local. A súa elaboración artesanal e a utilización de ingredientes de proximidade representan un exemplo da riqueza da gastronomía lucense e da capacidade da cociña tradicional para preservar a memoria colectiva dun pobo. A festa converteuse nun referente na comarca da Mariña e en toda Galicia, o que axuda a dinamizar directamente a hostalaría, a restauración e o comercio de proximidade.
O galardón foi recollido polo alcalde de Trabada, Rubén García.
O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, organizado polo Concello de Xermade, celébrase anualmente dende o ano 2001. En vinte anos logrou unha espectacular recuperación do oficio tradicional da tornaría, que estaba a piques de desaparecer. O Pavillón Municipal acolle exposicións de traballos, clases maxistrais, demostracións en directo, feira comercial, obradoiros prácticos para todos os públicos e actividades turísticas para acompañantes.
O evento pasou de ter unha asistencia testemuñal a rexistrar máis de 5.000 visitantes estimados na edición de 2019 e uns 3.000 na de 2021 (con restricións de aforo pola pandemia). Ademais, logrou un alto prestixio que fai que a organización sexa convidada a encontros similares en Francia ou Asturias.
O premio foi recollido polo alcalde de Xermade, Roberto García, e polo Presidente de Amigos da Madeira, Alfonso Franco.
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, é organizado polo Concello monfortino dende o ano 2017 e celébrase anualmente a primeira fin de semana de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe. En 2026 celebrou a súa oitava edición reunindo a arredor de 30 adegas de todas as subzonas da D.O. Ribeira Sacra, funcionando como un escaparate integral para os viños de viticultura heroica, a gastronomía local, o patrimonio cultural e o enoturismo do sur da provincia de Lugo. O programa inclúe catas comentadas, masterclasses, concertos, obradoiros infantís e as chamadas “Viñorutas”.
O Festival actúa como unha ferramenta clave para a desestacionalización do turismo no interior de Galicia, atraendo a milleiros de visitantes antes do pico do verán e dinamizando sectores coma a hostalaría e o comercio de Monforte e da comarca de Lemos.
O premio foi recollido pola Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.

























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



