Ribadeo, 10 de xullo de 2015. Ahbibi e Sultana, os dous nenos saharauís que chegaron o pasado martes a Ribadeo dentro do programa Vacaciones en Paz, foron recibidos esta mañá no Concello pola responsable de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán. No acto estiveron acompañados polas familias que os acollen en Ribadeo ata a primeira semana de setembro.
A edil nacionalista desexoulles aos nenos unha boa estancia na vila e entregoulles uns regalos de benvida: “tócame estrearme neste acto como concelleira, como sabedes é a miña primeira experiencia. Alégrame especialmente que a miña primeira intervención sexa tan gratificante como darlle a benvida a estes nenos do programa Vacacións en Paz. En primeiro lugar, porque se lles evita pasar os meses duros, de calor, no Sahara, porque perfeccionan outras linguas que enriquecen e sobre todo por ser acollidos nunha vila que presume de acolledora e na que se van sentir como uns ribadenses máis”.
Sultana e Ahbibi, de 9 e 10 anos respectivamente, pasarán todo o verán en Ribadeo dentro don programa, Vacaciones en Paz, que permite a acollida temporal de menores procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf (Alxeria).