Burela, 26 de xaneiro de 2017. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, a xerente da Fundación, Catalina Sánchez, e a concelleira de Mar, Patricia Otero, mantiveron un encontro en Santiago coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, e coa directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez. Enriba da mesa estivo a organización da vindeira Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar, que se desenvolverá na nave de redes do 25 ao 28 de maio.
Llano explicou que “hoxe foi un primeiro contacto. Do que se trata é de ir valorando e consolidando cuestións, sobre todo tendo claras as ideas do que queremos facer. En principio estivemos facendo unha exposición do que pode custar esta nova edición, que se calcula nuns 170.000 euros aproximadamente todo, porque este ano corresponde facer a feira exposición máis o encontro empresarial e as xornadas técnicas. Polo tanto vamos ter durante a última semana do mes de maio bastante actividade con este tema”.
O presidente da Fundación Expomar contou que “empezamos co tema do orzamento, pero despois estivemos vendo outras cuestións, como o lugar da presentación, así como a posibilidade de asinar un convenio coa Consellería de Mar para poder levar adiante certos temas desta nova edición de Expomar e sobre todo valorando aquelas melloras que se poden realizar nesta nova cita con respecto ás anteriores. Tamén houbo unha proposta para facer máis interesante o evento organizando algunha actividade que chame a atención, algo relacionado coa pesca e cos barcos; e quedou de mirarse”.
Para Alfredo Llano “houbo un bo acordo e tamén quedamos de falar coa Consellería de Industria sobre unha posible axuda e incluso algunha colaboración que poden ter aparte da cuestión económica. Quedamos en volver outro día a Santiago para falar deste asunto co IGAPE”.
“Foi un primeiro contacto, de intercambio de ideas. Do que se trata é de procurar organizar unha boa feira exposición. É unha das mellores que hai agora en toda España, porque outras que parecían máis importantes foron decaendo e esta, ao estar dedicada á náutica pesqueira, cada vez ten máis importancia. Tendo en conta isto e que é unha forma importante de chamar a atención na Mariña agora. Serve tamén para dar a coñecer que pescamos de boas maneiras, temos bos barcos e hai unha estrutura relacionado co mundo da pesca. Vamos intentar entre todos os responsables facer unha nova edición de Expomar que sexa unha das mellores”, insistiu o presidente da Fundación Expomar.