14 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

ADEGA participa no Día Internacional das Solucións Climáticas 10/10/10

10-10-10

Nota de prensa:
ADEGA E A COOPERATIVA RAINHA ORGANIZAN UNHA FESTA ECOLÓXICA PARA O DÍA INTERNACIONAL DAS SOLUCIÓNS CLIMÁTICAS 10/10/10

Quilmas, 8 de outubro de 2010.-

O 10 de outubro, Día internacional para as solucións climáticas (10/10/10), ADEGA e a Cooperativa Raínha Lupa de Quilmas organizan unha festa ecolóxica para a promoción de produtos locais e de cultivo ecolóxico como acción de proposta para un planeta mais sostíbel e con menos emisións de gases contaminantes

A cooperativa Rainha Lupa , nace da resposta social contra a ampliación da planta de piscicultura que nesta localidade opera (Stol Sea Farm) e que pretende ocupar 30 hectáreas máis das agras dos veciños e veciñas do lugar para substituír a terra cultivada por criadoiros de peixes cubertos de plástico. A cooperativa Raínha Lupa traballa para que a coxestión veciñal e a participación social no cultivo da terra predomine sobre a xestión multinacional e o colonialismo económico.

Con esta festa promocionaranse os produtos locais cultivados na Cooperativa, de xeito respectuoso co ambiente, como alternativa ao consumo de alimentos vindos de algures con grande gasto de CO2 acumulado en transporte, adubos e pesticidas. Tamén proxectarase o documental SALMONOPOLY que visa sobre a problemática das granxas de peixes no mundo, seguido dun coloquio-debate.

Nese mesmo día, pecharase o curso de apicultura que comezou a pasada primavera, cata do mel acompañada dunha charla sobre a importancia ambiental das abellas e a súa transcendente función polinizadora.

Este é o lema e obxectivo:

Por un consumo de proximidade, responsábel e saudábel. Pola defensa das sementes autóctonas e da biodiversidade dos produtos agrícolas. Polo coñecemento e respecto á cultura propia e tradicional, vamos convocar aos habitantes da zona e moitos máis para compartir con eles hábitos de vida que axuden a reducir o nivel de CO2 da atmosfera e a contaminación en xeral.

Para os que queiran participar deberán chamar ao 982240299 ou ao 686701344.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive