13 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación trata as alegacións sobre o orzamento presentadas pola oposición fóra do tempo legal

26-12-12

PILAR GARCÍA PORTO ABORDA AS ALEGACIÓNS SOBRE O ORZAMENTO DA DEPUTACIÓN PARA 2013 PRESENTADAS POLO PP FÓRA DO TEMPO LEGAL .

A Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que o organismo provincial ponse a disposición dos Concellos, ofrecéndolles gratis a asistencia xurídica necesaria co fin de que as entidades locais poidan reclamar á Xunta de Galicia o financiamento para Servizos Sociais que lles corresponde e que o Goberno galego está obrigado a conceder por lei. García Porto fixo este anuncio durante o debate das alegacións que o Partido Popular presentou ó Orzamento da Deputación para 2013 fóra de tempo. E é que, malia contar cunha copia íntegra do Presuposto antes da súa aprobación inicial xa no mes de novembro, o PP non fixo reclamación algunha ó respecto ata este Pleno. É dicir, os populares deixaron transcorrer o prazo legal polo que agora, tal e como recolle o artigo 170 da Lei Reguladora das Facendas Locais, “non está lexitimado” para facer reclamacións sobre este asunto. Malia e todo, o organismo provincial accedeu ó debate das mesmas, que foron desestimadas, quedando aprobado o Orzamento da Deputación para 2013 de xeito definitivo.

Porto lembrou que se trata “dun Presuposto progresista”, no que a partida para o fomento do emprego se incrementou nun 63% e a de servizos sociais nun 12%. Neste senso, destacou que a Deputación está pendente da resolución do recurso presentado contra a Xunta polo Decretazo de Servizos Sociais. Unha normativa, remarcou a Deputada, coa que “o Goberno galego transferiu ás entidades locais, dun día para outro e sen consenso algún, competencias nesta materia sen as achegas económicas correspondentes e obrigatorias, que nin tan sequera cuantificou, deixando ós Concellos sen recurso algún”. Da mesma forma, salientou que o Goberno galego ten pendente de asinar coa Deputación de Lugo varios convenios, que pola contra si asinou coas restantes institucións provinciais galegas, enmarcados no protocolo de actuación permanente, por valor de máis de 2 millóns de euros para políticas activas de emprego e servizos sociais na provincia luguesa.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive