Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos facer pública a nosa perplexidade ante as aparicións do alcalde de Burela, Sr. Barcia, na feira de turismo Fitur. Fala o Sr. Barcia de que Burela ten que ter máis presenza en Fitur, e que Burela ten que facer unha forte aposta polo turismo, co que o PSdeG-PSOE de Burela está totalmente de acordo xa que entendemos que é un dos posibles motores económicos e de emprego do noso pobo, que dende logo ten moito por explotar e por corrixir.
A nosa perplexidade deriva de como o Sr. Barcia pretende vender esa aposta polo turismo en Madrid, e en cambio non fai falla máis que darse unha volta polo pobo para poder ver que o único que vende o Sr. Barcia é fume. ¿Como pode o Sr. Barcia ter a caradura política de vender unha aposta polo turismo cando foi capaz de manter pechada a Oficina de Turismo nos meses de verán?, ¿como pode o Sr. Barcia vender esa aposta polo turismo e manter pechado o Barco Museo?, ¿como pode ser que o Sr. Barcia nos queira vender esa aposta polo turismo e ter o pobo no estado de abandono en que o ten?. ¿É esta a aposta á que se refire o Sr. Barcia?, nós entendemos que para que os turistas veñan e se podan sentir a gusto e cómodos no noso pobo estas cousas non poden acontecer.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela xa non esperamos nada dun equipo de “desgoberno” que está á deriva e que mira máis de beneficiarse dos cargos do Concello en beneficio propio que en traballar polo beneficio de todos os veciños e veciñas de Burela.
Esperamos que o paseo do Sr. Barcia por Madrid sirva para algo máis que facer unha visita familiar á capital á conta de todos os veciños e veciñas de Burela; pero temos serias dúbidas que o custo dese viaxe, que pagamos todos os veciños e veciñas de Burela, a Madrid teña algún resultado positivo para Burela.