Foz, 3 de xullo de 2014. A sala de exposicións do CENIMA, de Foz, acolle a mostra titulada Días de Mar, promovida polo Seminario de Estudos Terras de Viveiro e Concello focense. Será inaugurada este venres ás oito da tarde e estará aberta ao público ata o día 31 deste mes.
A exposición é un conxunto de elementos etnográficos da cultura mariñá que inclúe: instrumentos e cartas de navegación, diferentes artes de pesca, unha homenaxe á muller traballadora con especial dedicación ás conserveiras, fotografías relacionadas coa actividade pesqueira, cadernos de bitácora e documentos relativos a singladuras marítimas.
Os organizadores explican que obxectivo da mostra “é amosar, recordar, debater, remover o noso pasado mariñeiro, especialmente para as novas xeracións, cada vez máis afastadas do traballo no mar”.
Esta exposición é froito da colaboración entre o Concello de Cervo, o Seminario Terras de Viveiro, a asociación Os Aventados e voluntarios de Alcoa.