Burela, 9 de outubro de 2015. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acaba de anunciar que proximamente o Concello vai poñer en funcionamento as placas fotovoltaicas do pavillón Vista Alegre, que deixara instaladas o goberno socialista no seu anterior mandato (2007-2011). O rexedor acusa ao PP de non facer nada nos últimos catro anos ao respecto deste proxecto.
O alcalde burelés lembrou que “no anterior mandato no que estivemos no equipo do goberno, do ano 2007 ao 2011, xa fixemos varias cousas co pretexto de aforrar enerxía ao máximo posible. Tanto nas instalacións deportivas da Marosa como nalgún pavillón, como o Vista Alegre, colocamos fototérmica para quentar auga, que dende logo trouxo un aforro substancial ao que se viña utilizando, o gas”.
Alfredo LLano conta que grazas a esta medida “houbo un aforro en consumo bastante considerable. Aproveitando a mesma coxuntura, coa mesma filosofía de aforro enerxético, de aproveitar as novas tecnoloxías na produción de enerxía eléctrica, colocamos no pavillón Vista Alegre bastantes placas fotovoltaicas para aforrar enerxía”.
O proxecto quedou paralizado, segundo Llano, coa entrada do PP no goberno municipal en 2011: “non sabemos por que, fixéronse as instalacións, estaba todo perfectamente montado, só faltaba colocar un enganche. Na anterior lexislatura 2011-2015 non se fixo absolutamente nada por aproveitar esta cuestión tan favorable para o aforro do Concello”.
O rexedor subliñou que “nada máis chegar nós xa nos puxemos a traballar no asunto e inmediatamente solicitamos os permisos que faltaban, que son moi pouca cousa. Aportamos os datos que se nos demandaban e imos conectar xa o antes posible, vai ser estes días, as placas fotovoltaicas ao aporte de enerxía eléctrica para o pavillón de deportes. A consecuencia é que moito tempo que os fotos están acendidos vai ser coa enerxía aportada pola fotovoltaica, o que quere dicir que ese van aforrar moitos cartos na recibo da luz, polo menos con respecto ao pavillón Vista Alegre”.
O uso de tecnoloxías limpas “é unha das cousas que nos interesa ir patrocinando e promovendo no noso Concello, de aforro enerxético con tecnoloxías cada vez máis limpas, como pode ser a través do alumeado LED ou o aproveitamento da fotovoltaica ou da fototérmica. Así que en pouco tempo imos colocar e procurar aforrar nunha cuestión que antes se viña pagando e agora vaille saír gratis para o Concello”.