27 de Marzo de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con pólvora e magnolias: Consumidor, o que vostede debe saber

11-01-17

pablo-alvarez-ramosConsumidor, si, dixen ben, porque na vida vostede pode seguir con maior ou menor liberdade o seu propio camiño, pero si algo é inherente a súa condición social, si algo é intrínseco neste sistema de capital e consumo, é a súa propia condición de consumidor.

Os modelos educativos occidentais preparan fontaneiros e enxeñeiros, xuristas e albaneis, mariñeiros e docentes e, sen embargo, ninguén forma cidadáns e consumidores, ninguén educa para a vida.

A primeira cuestión a abordar, por se todavía non se identificou, é determinar que é un consumidor; o texto refundido da lei de consumidores e usuarios é clarividente: teñen tal consideración as persoas físicas que actúen cun propósito alleo á súa actividade comercial ou empresarial.

É dicir, que na súa rutina cotián vostede ten dúas facianas: a de profesional e a de consumidor; as cousas que suceden mentres son aquel concepto difuso ao que chamamos vida.

Vostede debe saber que cando asina un contrato cunha telefónica, subministradora eléctrica, cun banco, cunha aseguradora… non está negociando nada, simplemente está adheríndose, aceptando unhas condicións predispostas, prerredactadas. Tamén debe saber que a isto lle chaman contratación seriada.

Vostede non debe esquecer nunca a súa significación, que determinará inevitablemente a forma de relación que terá no sucesivo cos reis do oligopolio que configuran iso que chaman mercado, unha selva na cada especie loita pola súa propia supervivencia.

Estimado amigo, non é un consello paternalista, mais é unha evidencia empírica, resulta absolutamente imprescindible que teña unhas nocións mínimas sobre economía e dereito. Iso, no fondo non é ningún garante de que non lle rouben a carteira, de seguro o farán, mais polo menos non esbozará un sorriso, non porá boa cara.

Xa sei que pode resultar tedioso pero verá que unha vez profundiza un pouco o aburrimento muda en indignación e carraxe: a través da contratación seriada poderá entender fenómenos coma a venta masiva de participacións preferentes, de accións Bankia, de débeda subordinada, de hipotecas con cláusula solo…
De seguro poderá asimilar tamén por esta vía o porqué das permanencias nos contratos de telefonía móbil, ou a renovación tácita do contrato de subministro eléctrico, así que, si me permite un consello, vaia familiarizándose.

Rogo me desculpe a insistencia, que cadaquén inverta o seu tempo en aprender e estudar o que queira, mais coido que debería saber que esta mesma semana o Tribunal de Contas facía públicas as cifras do rescate bancario no ano 2012 post-estourido da burbulla inmobiliario: 61.000 millóns de euros. Nunca debera esquecer que a venda masiva de produtos bancarios tóxicos pola vía da contratación seriada foi simultánea ao rescate.

Sirva como homenaxe póstumo ao filósofo Zygmunt Bauman a súa propia cita:
“Ademais de tratarse dunha economía do exceso e dos desfeitos, o consumismo é tamén, e xustamente por esa razón, unha economía do engano. Aposta pola irracionalidade dos consumidores, e non ás súas decisións ben informadas tomadas en frío; aposta por espertar a emoción consumista e non cultivar a razón.”

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive