Cervo, 17 de febreiro de 2017.- A Casa do Mar de San Cibrao acolleu esta tarde a presentación do programa do Día Internacional da Muller, que organiza o Concello de Cervo, a través da delegación de Igualdade.
Os diferentes actos están programados para o sábado 11 de marzo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañou esta tarde á edil delegada de Igualdade, Pilar Armada, e as representantes das diferentes asociacións de mulleres que colaboran: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras”, e Mulleres en Igualdade.
Villares aplaudiu o labor dos diferentes colectivos de mulleres do municipio, “sempre participativas nas diversas actividades que se organizan dende o Concello; e que, neste caso da man de delegación de Igualdade, conseguiron conxuntamente definir un programa que pretende chegar a todas as mulleres de Cervo, protagonistas de xeito simbólico ese día, pero sempre presentes no día a día do municipio e da nosa política”.
Deste xeito, o Concello organiza un campionato feminino de tute e parchís, que xa se está a xogar neste mes de febreiro, moi concorrido, no que están a participar unhas vinte parellas de mulleres do Concello.
O sábado 11 de marzo, ás 19:00 horas a Casa da Cultura acollerá unha exhibición de Taichi a cargo da Asociación Alborada de San Cibrao.
Xa ás 19.30 horas, o grupo de mulleres Ardora, de San Cibrao, representará a obra “Mal Social”. Será no Auditorio Municipal, aberto a todo o público.
Ese mesmo día, haberá unha cea para tódalas mulleres do Concello que desexen asistir. Será no restaurante Boa Vista. Poderán inscribirse ata o 7 de marzo. Haberá premios sorpresa para todas elas. Ademais, farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís.
A xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Sintonía, a partir da medianoite.
As interesadas en asistir á cea de mulleres deberán chamar ao teléfono 982.87.95.83, da Casa do Mar ou poñerse en contacto coas diferentes asociación que colaboran.