Burela, 21 de abril de 2017. O vindeiro luns, día 24, arrincan as obras de asfaltado na rúa Arcadio Pardiñas, desde a intersección da Rúa do Ril con Arcadio Pardiñas ata Academia A Mariña. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, pide paciencia aos veciños porque durante dous ou tres días será complicado aparcar nese viario.
O edil socialista dixo que “os traballos en Arcadio Pardiñas darán comezo polo lado onde non hai aparcamento, irán fresando e repoñendo o asfalto no carril esquerdo de baixada. Haberá que ir con coidado e precaución ao transitar por esa vía, na que será difícil aparcar durante dúas ou tres xornadas”.
Ramiro Fernández pídelles “paciencia e comprensión aos veciños e veciñas de Burela. Toda obra ocasiona molestias, pero estes traballos temos que realizalos xa que son obras que van ser moi boas para Burela. Trátase dunha actuación moi importante e necesaria en varias rúas que estaban moi deterioradas e que despois da realización destas obras quedarán en perfecto estado mellorando a imaxe e a seguridade no pobo”.
Unha vez que rematen en Arcadio Pardiñas as obras seguirán pola rúa dos Matos, Burela de Cabo, a rúa do Torno e por Vila do Medio, que son outras actuacións que tamén eran moi necesarias.
A inversión nestes traballos ascenden a preto de 150.000 euros e son financiados pola Deputación Provincial e polo Concello de Burela.