18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG abandona Suplusa debido ao continuo enfrontamento da sociedade coa Deputación

15-05-18

Lugo, 15 de maio de 2018. O representante do BNG na Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (SUPLUSA), ente propio dependente da Deputación provincial de Lugo, vén de anunciar a decisión do BNG de abandonar o seu Consello de Administración e, polo tanto, a súa dimisión como conselleiro nese organismo.
O BNG sempre defendeu que SUPLUSA necesitaba cambios de calado para levar adiante o seu traballo. Nesa liña, no propio acordo que no seu día o BNG asinou co PSOE estaba nun dos seus primeiros puntos a “reformulación de SUPLUSA” así como “facer os cambios precisos no seu persoal de dirección”.
Esta decisión do Grupo Provincial, ratificada pola Executiva Nacional do BNG, vén provocada neste momento pola situación de enfrontamento que se está a producir entre a dirección da sociedade e o propio goberno da Deputación, enfrontamento que leva a que o PP e Martínez, coa súa maioría antidemocrática, usen esta sociedade para recorrer decisións da propia Deputación, cuestión que para o BNG resulta totalmente absurda e inaceptable.
“É realmente inaudito que un órgano dependente dunha institución se “revele” contra as decisións desa institución, chegando incluso a recorrer as súas accións. Calquera deputado ou deputada ou calquera grupo político, pode recorrer as decisións do goberno, están no seu dereito e é totalmente lexítimo, pero non poden usar unha institución ou un organismo como SUPLUSA para facer este traballo”, manifestou o deputado do BNG.
O BNG xa o viña advertindo
Do mesmo xeito, tamén se advertiu dende o BNG que esta situación de “contrapoder” de SUPLUSA se ía producir cando o PSOE e PP votaron a favor de que unha persoa distinta do presidente da Deputación, neste caso Manuel Martínez, fora presidente de SUPLUSA.
“A actual situación débese a división interna do PSOE así como á súa incapacidade para facer os cambios precisos cando podía que facelos, lembrándose diso só cando perdeu o control sobre ese ente e polo tanto cando deixou de poder sacar proveito do seu funcionamento”, asegurou Xosé Ferreiro.
O BNG segue defendendo os medios propios das administracións
A pesares do que está a acontecer, o BNG seguirá a defender que se fagan os cambios necesarios en SUPLUSA para que poida ser a todos os efectos un medio propio da Deputación, unha instrumento eficaz, controlado totalmente pola Deputación, e ao seu total servizo e, polo tanto, ao servizo da cidadanía de Lugo. A súa utilidade non está en entredito, só o seu funcionamento.
O BNG sempre seguirá a defender o uso e medios públicos por parte das administración como ferramenta máis útil para levar a cabo un traballo eficaz e útil para a cidadanía.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive