Foz, 16 de outubro de 2018. O Centro Comercial Aberto focense agradece a homenaxe que o CD Foz lle rendeu o pasado domingo ao comercio de proximidade e á hostalaría local e felicita ao club polo triunfo conseguido fronte ao San Tirso.
Ao inicio do encontro o presidente de ACIA/CCA, José Carlos Paleo, fixo o saque de honor do partido e recibiu un agasallo de mans do presidente do CD Foz, José María García Rivera. O Centro Comercial Aberto invitou a café aos asistentes ao encontro e sorteou 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.
José Carlos Paleo dálle as grazas “ao CD Foz por este recoñecemento ao esforzo que os comerciantes e os hostaleiros locais fan por apoiar ao club de fútbol local”.
O presidente de ACIA/CCA de Foz subliña que “esa é unha das características que nos diferenza das grandes plataformas comerciais de venda on line, que non teñen ningunha vinculación co noso pobo, non deixan aquí os cartos e non axudan en nada. Todos xuntos podemos conseguir que Foz siga tendo vida, pero para iso debemos mercar nos establecementos do noso pobo, no noso comercio e na nosa hostalaría”.
Paleo aproveita a ocasión para felicitar ao CD Foz “polo triunfo conseguido o pasado domingo fronte ao San Tirso e desexámoslle moitos máis éxitos deportivos”.