Burela, a 12 de outubro de 2018.- O Grupo Municipal Popular (GMP) burelés anunciou hoxe a presentación dunha moción para que o alcalde comence os trámites para a adquisición de solo dotacional por parte do concello, e poñelos a disposición da Xunta de cara á ampliación da nova escola infantil, ubicada na Avda. da Mariña. Asemesmo, solicitarán que nos presupostos do vindeiro ano se consigne a suficiente partida orzamentaria para tal adquisición.
Os populares indican que “o propio alcalde manifestou en certos medios informativos non hai moito tempo que había lista de agarda para ter praza nas escolas infantís do noso concello. Tendo en conta que o concello debe ser previsor, e como sabemos que o alcalde tamén é un home previsor e que xestiona as cousas con tempo para que non lle colla a porta os dedos, instámolo a que vaia facendo o que calquera alcalde facería nun caso destes, ou sexa, iniciar o procedemento para a adquisición do solo dotacional preciso para levar a cabo a ampliación da nova escola infantil cando toque, xa que se ben é certo que leva funcionando dous cursos non dubidamos que en pouco tempo vai ser susceptible de ampliación”.
Desde o GMP consideran que “unha das prioridades que debe ter un alcalde e un goberno municipal que se precien debe ser facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, a creación de postos de traballo e tentar asentar e mesmo captar poboación. Un dos camiños para acadar estes obxectivos é a suficiente dotación de prazas nas escolas infantís. E tendo en conta que semella que hai cartos para a construcción dun novo pavillón, estamos seguros que o alcalde e o seu equipo de goberno tamén serán sensibles coa petición que lles formulamos desde o Grupo Municipal Popular, petición que se formula atendendo a unha demanda alomenos tan lexítima coma a dun novo pavillón”.