28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Pomba do Arco conmemora o seu XXX aniversario homenaxeando a Xoán Carlos González Basanta

24-10-19

Foz, 24 de outubro, 2019. A asociación cultural A Pomba do Arco, conmemora o vindeiro sábado 26 de outubro, o seu trinta aniversario, cunha serie de actos, que se desenvolverán no salón de actos do colexio Martínez Otero e no restaurante O Racimo. Segundo sinalan desde a entidade, “o noso obxectivo con estas actividades e recoñecer e homenaxear a todos os focegos e focegas, que coa súa colaboración, de diversos xeitos, coa asociación fixeron posíbel mantela viva durante estas tres décadas. Neste sentido, resulta imprescindíbel, nesta onomástica, a lembranza e a homenaxe a Xoán Carlos González Basanta, membro do grupo fundador da asociación, presidente da mesma durante moitos anos e persoa fundamental na cultura focega

Segundo sinalan desde A Pomba do Arco, “a historia da asociación cultural non se explica sen a contribución de Xoán Carlos González Basanta. O nome da entidade, as súas primeiras actividades ligadas á defensa e a normalización do idioma, a posta en marcha das liñas estratéxicas de traballo que continúan até a actualidade ou o seu labor perseverante nos momentos que a propia existencia do colectivo corría perigo levan a súa pegada”. Os practicamente dezaoito anos nos que permanece á fronte do colectivo correspondese cos da posta en marcha dos grandes eixos de actuación, do lanzamento das actividades actualmente máis consolidadas e da consolidación organizativa da asociación. Alén da programación concreta do colectivo, merece un particular destaque a perseveranza de Xoán Carlos González Basanta para manter viva a asociación na critica que sufre entre 1994 e 1997.

Os actos da homenaxe a Xoán Carlos Gonzalez Basanta arrancarán no salón de actos do colexio Martínez Otero ás 20:00 h do sábado 26 de outubro coa posta en escena dun espectáculo teatral e musical a cargo do grupo teatral Touporroutou teatro e do músico e director da escola de música de Foz, Felipe Sánchez. A montaxe, preparada en exclusiva para esta acto, onde será representada por única vez, está baseado nunha serie de textos literarios elaborados por Xoán Carlos González Basanta, os máis deles a día de hoxe inéditos e, onde se recollen, as preocupacións do homenaxeado, a súa visión de Foz e das súas xentes, as motivacións persoais e colectivas e sobre un todo un inmenso cariño ao seu pobo.

A xornada rematará cunha cea a celebrar o sábado 26 de outubro, a partir das 22.00 h, no Restaurante Racimo de Foz, cun menú de entrantes, arroz negro con chipiróns e gambas, tenreira asada e postre e unha actuación do grupo musical Vudú. Vudú, é un dúo musical formado por Belén Tajés, antiga vocalista de Luar na Lubre e Maritxinha, cunha recoñecida traxectoria musical , até o punto de conseguir o premio á mellor canción galega no certame de música moza “Eu son VooDoo”ou o premio Martín Codax de música de 2017. Nesta ocasión, presentaran o seu último disco, “Vudú.VolIII”. Aquelas persoas interesadas en acudir a cea e o concerto deberán retirar a súa tarxeta, antes do 23 de outubro, no restaurante Barrilete, na ferraxaría Fuente ou na cafetaría Mayros, ou poñerse en contacto con nos no telefone 608-555-010.

A directiva da entidade organizadora quere facer un chamado ao conxunto da veciñanza de Foz, convidándoa a sumarse a uns actos culturais e agradecéndolle a colaboración prestada ao colectivo durante eses trinta anos. Neste liña, consideran “que a nosa actividade non sería posíbel sen a resposta popular e o apoio dos focegos e focegas, que camiñaran con nos durante estes trinta anos, facendo cultura galega na localidade e promovendo diversas iniciativas dirixidas a promover a nosa autoestima como sociedade, a mellorar a nosa oferta cultural, a fomentar a participación social

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive