Mondoñedo,21 de novembro, 2020. Este ano 2020 debido á situación sanitaria derivada pandemia da covid- 19 no Concello de Mondoñedo vémonos na obriga de facer un cambio nos actos conmemorativos do Día Internacional contra a violencia de xénero.
Esta vez non contaremos cun punto informativo coma en anos anteriores, se non que faremos unha xornada virtual a través das redes sociais do Centro de Información ás Mulleres de Mondoñedo. Así, o mércores 25 ás 12:00 horas farase público o manifesto “Mondoñedo di non á violencia de xénero”, para o que se contou coa colaboración dos centros educativos do Concello (Escola Infantil, CEIP “Álvaro Cunqueiro Mora” e IES “San Rosendo”-A Granxa). Á hora indicada publicaremos nas redes sociais o vídeo editado para a ocasión. Poderase encontrar en Facebook (CIM Mondoñedo e CIM Concello de Mondoñedo), Instagram (@cimmondonedo), Twitter (@CimMondonedo) e Youtube (CIM Mondoñedo). Ese mesmo día 25, ás 20:00 horas soarán as campás da catedral en recordo das vítimas de violencia de xénero deste ano 2020. Para evitar as aglomeracións, tamén será retransmitido en directo a través das redes sociais.
Ademais, durante esta semana recolleranse as mensaxes contra a violencia de xénero que a poboación nos queira deixar tanto a través das redes sociais como do correo electrón ico cimmondonedo@yahoo.es Estas mensaxes serán publicadas nas redes do CIM coas etiquetas #MondoñedodiNON e #25N2020
Desde este medio animamos a toda a xente a que participe e comparta as actividades conmemorativas deste ano para que o noso berro contra a violencia de xénero chegue a todos os lugares posibles.