Nota de prensa
Plataforma cidadá Queremos Galego
Avenida de Lugo, 2 – A, entresollado A, Santiago de Compostela (Galiza) | Tel. 981 563 885 | Fax. 981 583 782 | www.queremosgalego.org
Queremos Galego convocará manifestación nacional o 17 de maio en Compostela
Así o acordou unanimemente o seu plenario nacional, reunido onte para acordar novas accións da plataforma cidadá unitaria que impulsou e coordina A Mesa
Carlos Callón: “Non merecemos un goberno que dedica máis tempo a atacar o noso idioma que a resolver os problemas”
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2012.- O plenario nacional da Plataforma cidadá Queremos Galego, que baixo o impulso e coordinación da Mesa pola Normalización Lingüística agrupa máis de 700 entidades sociais de todo tipo e miles de apoiantes a título persoal, acordou na reunión celebrada na tarde de onte convocar manifestación nacional para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
O presidente da Mesa e portavoz da plataforma, Carlos Callón, sinalou que “hai demasiados motivos para nos movermos, porque a caza de bruxas contra o noso idioma se agudizou nestes tres anos de lexislatura e as vulneracións dos nosos dereitos lingüísticos son cada vez maiores”. “Mesmo se ataca o máis básico, como é recoñecer que o galego é a lingua propia de Galiza”, denunciou.
Callón alenta ao “conxunto da sociedade con sensibilidade polo idioma galego, fáleno ou non” a participar na marcha do Día das Letras, porque “non nos merecemos un goberno que dedica máis tempo a atacar o noso idioma que a resolver os problemas que temos a nivel económico, cultural, educativo, etc.”.
A proposta de manifestación achegada ao plenario contou co apoio unánime do máximo organismo decisorio de Queremos Galego, que entende a necesidade de seguir a responder socialmente os maiores ataques contra a lingua e a cultura propias en toda a actual etapa autonómica.
Nos próximos días a plataforma cidadá concretará un intenso calendario de actos previos en localidades e comarcas de toda Galiza para as semanas previas á mobilización.
A manifestación celebrarase o 17 de maio e partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela, como é habitual.