DIRECTORA DA MOSTRA DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS PRONUNCIARÁ UNHA CONFERENCIA EN BURELA O VINDEIRO 9 DE MAIO. O ACTO ESTÁ ENMARCADO NO PROGRAMA DO VI ENCONTRO DE PALILLEIRAS.
Burela, 16 de abril de 2012. A directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, Mª Dolores Lema Mouzo, pronunciará unha conferencia en Burela o vindeiro 9 de maio. Será uns días antes do VI Encontro de Palilleiras que se celebrará na nave de redes.
Mª Dolores Lema Mouzo falará sobre As orixes do encaixe de Camariñas e a súa comercialización: unha actividade á beira do mar. A charla será ás 19 horas no salón de conferencias da antiga biblioteca. Lema Mouzo é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, é directora da Mostra do Encaixe de Camariñas e coordinadoras das participacións do Encaixe de Camariñas nas feiras e mostras nacionais e internacionais. Mª Dolores Mouzo acudirá a Burela acompañada pola concelleira de Encaixe e Turismo de Camariñas, Sandra Insúa Rial.
O VI Encontro de Palilleiras está organizado pola asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras de Burela e pola Fundación Expomar e celebraráse o vindeiro 12 de maio. O programa dará comezo ás 10:30 da mañá coa recepción ás participantes, desde esa hora e ata as 13:30 do mediodía terá lugar a demostración de traballos, para ás 11 está prevista a inauguración coas autoridades, ás 12 haberá unha degustación de empanada de merluza e ás 14 horas comida de confraternidade das participantes en distintos restaurantes de Burela. Xa pola tarde ás 16 horas haberá un desfile de complementos elaborados polas palilleiras e ás 19 horas sorteo de regalos. A xornada inclúe, segundo a organización, visitas das palilleiras ao Monte Castelo, a Vila do Medio e ao barco museo Reina de Carmen.