O VILA DE RIBADESELLA (7-8 DE SETEMBRO) PECHA A PRETEMPADA DOS DE JULIO DELGADO
O I Trofeo de Fútbol Sala Vila de Ribadesella pechará a pretempada do Burela FS Pescados Rubén no limiar do salto á máxima categoría. Os de Julio Delgado protagonizarán o torneo asturiano co Triman Navarra, rival de Primeira División, e os conxuntos de Terceira Avilés Sport FS e Rompiente FS, o anfitrión.
O Burela FS inaugurará a cita mañá, co Avilés Sport, ás 19.00 horas, na primeira semifinal. Ás 21.00 horas, mediranse o Triman Navarra e o equipo organizador. Os gañadores decidirán o posuídor do título o sábado, ás 19.00 horas, tras a pelexa polo terceiro e cuarto posto, ás 17.00.
Xunto á habitual expedición laranxa de pretempada, cos xuvenís Antón e Fabio, tamén participará no trofeo asturiano o ala-pivote alacantino Moi (Reale Cartagena, 2011-12).
Inicio ligueiro. Os mariñáns poñerán en marcha a engrenaxe laranxa de liga nunha semaniña. O sábado, 15 de setembro, o Burela FS botará a andar na Primeira División en Vista Alegre, coa visita do Fisiomedia Manacor (18.30 horas).