Val Alonso despídese da Corporación Provincial, destacando que “nunca a Mariña estivo tan presente na Deputación”
– O ata o momento Deputado subliñou “o meu orgullo por pertencer a un Goberno Provincial que ten demostrado que, por fin, dende esta institución se aposta firmemente pola Mariña, un Executivo comprometido cos todos os sectores estratéxicos desta Comarca ou por convertela nun referente turístico”
– Alonso puxo de exemplo investimentos na Costa como os máis de 4 millóns de euros do Plan de Obra Pública -que dotaron ós veciños de novos servizos e infraestruturas- o Plan de subvencións ás confrarías de pescadores ou programacións como Lugoteando ou Km0
– O mariñano fixo un novo “chamamento” para solventar a situación de Alcoa e de 2.000 familias lucenses, mentres o Presidente insistiu en que “se houbo solución con Zapatero, por que non a vai haber con Rajoy?. É cuestión de traballar. Levamos 6 meses esperando”
– A Xunta Electoral desenvolverá agora o proceso para cubrir esta vacante de Deputado Provincial que, “baixo o criterio da institución, corresponderíalle ó primeiro suplente que figura na acta de Mondoñedo, é dicir, Alfredo Llano García”, explicou Gómez Besteiro
– Á proposta do Presidente, todos os Deputados aprobaron por unanimidade renunciar ás indemnizacións correspondentes por asistencia ó Pleno debido ó seu carácter extraordinario
A Deputación celebrou este xoves o Pleno Extraordinario no que se deu conta da renuncia de José Ramón Val Alonso da súa acta como Deputado Provincial logo da ratificación das listas electorais ós vindeiros comicios autonómicos, nas que o mariñano forma parte da representación socialista luguesa que concorre ó Parlamento de Galicia, e axuntándose á Lei Electoral, que dicta que é incompatible ser membro dunha Corporación Provincial e optar á Cámara galega. En despedida dos seus compañeiros, Val Alonso amosou a súa “honra por formar parte, durante máis deste ano e medio, dunha Corporación Provincial onde a Mariña, a que eu represente, nunca estivo tan presente”, con dous Vicepresidentes e un Deputado provincial encargado de área, nesta caso a de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, desta Comarca.
O ata agora Deputado subliñou “o meu orgullo por pertencer a un Goberno Provincial que ten demostrado que, por fin, dende o organismo provincial se aposta firmemente pola Mariña”, poñendo como exemplo investimentos como os máis de 4 millóns de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública, que permitiron dotar ós veciños da Comarca de novas infraestruturas e servizos; “un Goberno Provincial comprometido con todos sectores estratéxicos, como a pesca, mediante un plan de subvencións directas a todas as confrarías da Mariña” -anteriormente só se lle concedía a do Vicedo- “e capaz de converter a nosa Comarca nun referente turístico, coa certificación medioambiental das praias, co Lugoteando ou co Km0 ”.
Chamamento sobre Alcoa
Val Alonso quixo aproveitar as súas derradeiras palabras como Deputado provincial para facer “un novo chamamento ás administracións responsables da grave situación que está a atravesar Alcoa para que, de xeito inmediato, presenten solucións porque na Mariña hai 2.000 familias que así o esperan”. Neste senso, agradeceu a “involucración, dende o primeiro momento, do Presidente da Deputación, como máximo mandatario dunha institución que representa ós veciños desta provincia seriamente preocupados polo que poida acontecer coa factoría cervense, na demanda dunha nova tarifa preferente para a multinacional”.
Posteriormente, e a preguntas dos xornalista, Gómez Besteiro engadiu que “non se sabe nada do futuro de Alcoa porque o Goberno galego e o central non traballaron, non fixeron nada e agora, tras o tope de corneta que, con razón, deu a multinacional, apuran. Levamos 6 meses esperando por unha alternativa. Canto máis días pasan, máis risco hai de que calquera decisión da multinacional quebrante o futuro da factoría cervense e de miles de familias lucenses, que dependen da súa actividade. Insisto, hai alternativas. Se houbo solución co anterior Goberno Central de Zapatero porque non a vai haber con Rajoy?, só é cuestión de traballar e non se pode esperar ó 31 de outubro.
Proceso para cubrir a vacante
Para coñecemento de todos os Deputados, o Presidente explicou que coa renuncia de Val declárase unha vacante de Deputado provincial polo que agora “ábrese un expediente para cubrila. A xuízo da Deputación, esta corresponderíalle ó primeiro suplente que figura na acta da Xunta Electoral na zona de Mondoñedo, que se subscribiu o 15 de xuño do 2011, onde figura Alfredo Llano García. Non obstante, remitimos a documentación á Xunta Electoral para que se desenvolva o proceso de cubrir a vacante que deixa José Ramón Val Alonso”.
Palabras do compañeiros
En despedida de Val Alonso, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, remarcou que “deséxoche toda a sorte na túa nova andaina profesional e que logres levar, como fixeches na Deputación de Lugo, as demandas dos veciños da Mariña, e as dos desta provincia en xeral, ó Parlamento de Galicia co fin de que Lugo e os lucenses teñamos máis forza e máis nome na Cámara galega”. O voceiro do BNG, Mario Outeiro, remarcou que “deséxolle moita fortuna en todos os planos da túa carreira, tanto persoal como política. Quero agradecerche todo o traballo levado a cabo, principalmente, na área da que te ocupaches, a de innovación e novas tecnoloxías, polos logros acadados nesta materia na provincia”. Pola súa banda, a voceira provincial do PP, Elena Candia, remarcou que “queremos transmitirlle a nosa felicitación, sen desexarlle, evidentemente, éxitos electorais, pero si os maiores éxitos persoais no futuro que empeza no día de hoxe”.
Traxectoria
José Ramón Val Alonso foi responsable da área provincial de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, departamento encargado do desenvolvemento do Innova-TE, o proxecto tecnolóxico de case 15 millóns de euros –na súa segunda fase-, que fixo posible a implantación da administración electrónica na provincia ou achegar a banda longa ás Casas Consistoriais, todo isto sen custe algún para as arcas locais grazas ós fondos europeos. Val Alonso tamén se quixo cargo de innovadoras iniciativas como o In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia, que ofrece, de xeito gratuíto, formación sobre novas tecnoloxías a cidadáns, autónomos e PEMES ou onde se avalían novas aplicacións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida dos cidadáns, principalmente, dos maiores dunha provincia, claramente, avellentada. O que era o Deputado máis novo da Corporación Provincial durante este mandato, naceu o 28 de novembro de 1980 en Foz. É Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (1999-2004), con postgrao en Especialización en Economía Pesqueira tamén na USC (2005). En 2006, con tan só 25 anos, foi nomeado Delegado Territorial da Consellería de Pesca en Lugo, cargo que desempeñou ata 2009. O seu coñecemento e compromiso coa Mariña lucense fixo que, a partires de dita data, xa comezase a colaborar activamente coa Deputación de Lugo no desenvolvemento de iniciativas en impulso da costa lucense.
Renuncia ás indemnizacións
Á proposta do Presidente, todos os Deputados aprobaron renunciar as indemnizacións por asistencia ó Pleno de hoxe debido ó seu carácter extraordinario, que imposibilitou tratar outros asuntos que a modificación na composición da Corporación Provincial.









López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



