ERMIDA CHAMA A EMITIR UN VOTO A FAVOR DO BNG POR CADA UNHA DAS MENTIRAS E INCUMPRIMENTOS DO PARTIDO POPULAR NA COMARCA DA MARIÑA
“Feijóo só sabe controlar o déficit pola vía do desmantelamento e privatización dos servizos públicos”
O BNG pregunta aos candidatos do Partido Popular polo Plan de Acompañamento prometido pola Xunta para frear o desemprego na Mariña
Mondoñedo, 18 de outubro de 2012. Os nacionalistas da comarca da Mariña aproveitan o penúltimo día de campaña cara o 21 – O para reivindicar a necesidade de pór en marcha “verdadeiras medidas de austeridade” e denunciar o “falso discurso” do Partido Popular que, segundo explica a candidata número tres do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, “confunde a austeridade cos recortes”.
“A austeridade no sector público –precisa a candidata- está a ser empregada polo Partido Popular como pretexto para acometer recortes en dependencia, educación e sanidade, rematar coas conquistas sociais acadadas nas últimas décadas e incrementar o número de parados. O Goberno de Núñez Feijóo só sabe controlar o déficit pola vía do desmantelamento e privatización dos servizos públicos; en toda a lexislatura non foi capaz de, por exemplo, pór sobre a mesa unha reforma cara unha administración racional e adaptada ás necesidades do país. Unha vez máis, o Partido Popular volve presentarse aos comicios cun dobre discurso, declárase abandeirado dunha austeridade que logo non é capaz nin de cumprir nos seus propios actos de campaña electoral, caracterizados polas comidas para centos de persoas e autobuses para carrexalas aos mitins, como están a facer hoxe na Mariña. Os populares primeiro invitan a centos de persoas a xantar e logo as levan en autobuses ao acto que o partido ten en Lugo”.
Dende o Bloque Nacionalista Galego denuncian que as consecuencias dese dobre discurso tamén se deixan sentir no incremento das listas do paro. Neste eido, Ana Ermida pide aos candidatos populares que expliquen onde quedaron as promesas da Xunta sobre a aprobación dun Plan de Acompañamento co que frear o aumento do paro en Mondoñedo tras coñecerse os expedientes de regulación de emprego de Móbeis Hermida e Ecar. “Para o Partido Popular as promesas de crear emprego son como as da ampliación do Hospital da Costa, compromisos que se repiten unha e outra vez durante as campañas electorais e durante toda a lexislatura pero que nunca se concretan e moito menos se levan a cabo”.
Ermida chama a emitir un voto a favor do BNG por cada unha das promesas que os populares incumpriron e por cada unha das súas mentiras. “Votar ao BNG é o único xeito de rematar co dobre discurso, coa falsa austeridade, coas falsas promesas e coas mentiras do Partido Popular. O vindeiro domingo as galegas e os galegos teñen a oportunidade de elixir un futuro para Galiza no que eles, o seu benestar e os seus dereitos sexan o eixo da acción dun goberno de progreso, algo imposíbel se Feijóo volve ser presidente”.