A Concellería de Igualdade convoca o VI Concurso de narración “Carta a un maltratador”
-O prazo para presentar os traballos está aberto ata o 23 de novembro
Cervo, 14 de novembro de 2012-O Concello de Cervo convoca un ano máis o Concurso de narración “Carta a un maltratador” coincidindo coa conmemoración neste mes de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. A Concellería de Igualdade vén de facer públicas as bases do certame, dirixido a maiores de 12 anos empadroados no municipio cervense.
Os traballos que se poden presentar a este concurso deben ter formato de carta, escrita en galego, e o contido ten que estar referido á violencia de xénero e aos malos tratos no ámbito familiar, constituíndo a mensaxe que se queira transmitir a un suposto maltratador ou maltratadora.
O prazo para entregar as cartas remata o vindeiro venres 23 de novembro e poderán presentarse na Casa do Concello ou na Casa da Cultura sen existir un número limitado de cartas por persoa. Un xurado será o encargado de avaliar as cartas e de seleccionar á gañadora, cuxo autor recibirá un cheque valorado en 100 euros para gastar en establecementos do municipio. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de decembro.
Este é o sexto ano que se convoca este certame, que segundo a edil de Igualdade ten un obxectivo “de sensibilización, concienciación e prevención da violencia de xénero, buscando a implicación social na loita desta lacra”. Pilar Armada anima aos cervenses a participar no concurso “expresando os seus sentimentos e as súas opinións buscando esa igualdade real que todos anhelamos”.