Desde Galiza Nova da Mariña, ao través do seu responsábel comarcal Senín González Baño, afirman que “non é momento para frivolizar nin facer demagoxia ante o drama social do desemprego xuvenil no noso País” e, ao tempo “non podemos permitir que os principais responsabeis desta desfeita social saquen peito sendo eles propios os responsábeis directos do furto das alternativas laborais para a mocidade”.
En palabras de Senín González, “ningún goberno na historia deste pais acadou tan altas cotas de desemprego xuvenil, dato que paradoxalmente coincide coas xeracións de xente moza máis formadas da historia galega, o Partido Popular é o campión do desemprego”. E engadiu que “facendo unha lectura rápida dos datos na nosa comarca atopamos que unha/un de cada dúas/dous mozas/os non ten posibilidades de atopar o seu primeiro emprego”. “O máis grave”, alertan as mocidades do BNG na Mariña, é que “non se albiscan medidas nin cambios estruturais que viren de rumbo esta política de recortes e de miseria”.
Desde Galiza Nova denuncian que “a única saída real ao drama do desemprego pasa por apostar polos sectores produtivos da comarca, nos que o Partido Popular non acredita e que as NN.GG. descoñecen”. A organización nacionalista alerta de que “nun contexto no que se está cuestionando a continuidade de ALCOA, estamos saíndo a ERE por semana e o Partido Popular pretende desmantelar o Hospital da Costa, o futuro para a mocidade é tan escuro como as finanzas dos populares a en todo o Estado e é imposíbel construír unha saída laboral para as/os mozas/os da comarca”.
Entenden os/as nacionalistas que “A Mariña non pode deixar pasar máis oportunidades e que é o momento de que se apliquen políticas encamiñadas a poñer a comarca a producir, de apostar polo sector pesqueiro, gandeiro e por todas aquelas pequenas e medianas empresas que teñen ducias de traballadoras/es e se encontran en situación límite”.
Noutra orde de cousas desde Galiza Nova A Mariña esíxelle ás NN.GG. de Lugo que aclaren en que punto menten cando din que a grande parte dos membros que veñen de constituír a agrupación local das NN.GG. teñen ou tiveron unha relación laboral co Concello de Barreiros.
Finalmente e en relación ás propostas que o Partido Popular lanzou na última semana, o Responsábel comarcal de Galiza Nova na Mariña pide “fechar o debate con propostas reais e concretas centradas nos problemas das/dos mozas/os da nosa comarca”, ao mesmo tempo indica que “é tempo de propostas urxentes e contudentes e non de remendos nin paliativos que o único que significarían sería unha patada para diante para atoparnos cun problema de ainda maiores dimesións nun breve espazo de tempo”.