O Burela FS Pescados Rubén superou a primeira proba da XIX Copa de España Bilbao 2013. As laranxas convértense nas primeiras semifinalistas da cita tras impoñerse con seguridade ao Soto del Real por 3-1. “Foi un resultado xusto nun encontro típico de cuartos, no que os árbitros permitiron xogar e se puido ver un alto nivel físico”, analizaba Javier Pardeiro ao final do partido.
Cunha excelente disposición dende o asubío inicial, o cadro mariñán xa se adiantou no marcador no minuto 6 grazas á capitá Dolo, a pase de Dany coa cabeza. O 2-0 protagonizouno Maite dende saque de esquina (minuto 11), pegando o balón en Martica antes de cruzar a liña de meta. O técnico burelista destacou a verticalidade e o perigo en ataque durante a primeira parte: “Tivemos opcións marcar máis as distancias, pero a partir do 2-0 relaxámonos un pouco; o Soto del Real aproveitou para apertar e aí puido pasar calquera cousa” explicaba Pardeiro.
Tras o descanso Pitu reduciu distancias nunha internada á área dende a banda dereita para superar con disparo pegado ao pau esquerdo a meta de Jozi (minuto 23). Puido ampliar a renda a escuadra lucense cun remate desviado de Dany á media volta e nun man a man de Lidia salvado pola meta Elena, superado o ecuador da segunda parte. O Burela deulle máis seguridade ao electrónico no 37 a través de Dany rematando case dentro da portería a pase de Peque dende a esquerda. A falta de 2 minutos para a bucina final, Martica abandeirou o xogo de cinco sen facer perigar a vantaxe laranxa.
Semifinais. O equipo de Pardeiro terá que esperar ata a tarde para coñecer o rival de mañá (17.00 horas); sairá do duelo entre o Ciudad de Alcorcón e Orvina (17.30 horas), terceiro e sexto na liga respectivamente.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Lucía, Haydee, Lidia, Peque, cinco inicial; tamén xogaron Dolo, Dany, Maite
VP Soto del Real: Ana, Martica, Chili, Patri, Laura Jiménez, cinco inicial; tamén xogaron Pitu, Coral, Wendo, Elena, Nera, Vane
Goles: 1-0, minuto 6, Dolo; 2-0, minuto 11, Maite; 2-1, minuto 23, Pitu; 3-1, minuto 37, Dany
Árbitros: Miguel Bardella Barbolla e David Ocaña Romero (Colexio Vasco). Sen amoestacións
Axenda da base
A base do CD Burela FS Pescados Rubén afronta unha emocionante fin de semana co pistoletazo de saída para a Copa da Mariña (Burela), con representación benxamín, alevín e infantil. Tamén estarán en xogo a Final Autonómica de Deporte Escolar con cadetes ante o Noia FS e a semifinal de volta da Copa Nacional Xuvenil ante o ADFS Bueu.