Burela, 20 de maio de 2013. A XV edición da Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar está xa en pleno proceso de montaxe e instalación de stands dos distintos expositores, e nos próximos dous días será o momento de ultimar detalles.
Así o puido comprobar o alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar, José María González Barcia, que hoxe, acompañado pola xerente da Fundación, Catalina Sánchez Luengo, revisou o proceso de montaxe da feira na nave de redes ubicada no recinto portuario.
González Barcia puido comprobar que os traballos van segundo o previsto e que “todo vai estar a punto o vindeiro xoves día 23, se non hai ningún imprevisto de última hora”. O rexedor tamén manifestou que “contar cunha nave destas características é unha enorme vantaxe con respecto ás carpas que se utilizaban con anterioridade”.
A xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez Luengo, manifestou que “o mesmo xoves pola mañá aínda haberá stands ultimando detalles, pero o forte da feira creo que estará totalmente listo á hora da apertura e por suposto da inauguración”. Apertura e inauguración que están previstas para o xoves, ás 12:00 e ás 13:00 horas respectivamente. A feira será inaugurada pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana Carballo, o que demostra segundo González Barcia “o manifesto interese que a Xunta ten por este evento”.
Patricia López Eijo, concelleira do Mar, indicou que “temos que seguir apostando polo sector pesqueiro, e Expomar é unha boa mostra do mesmo. Precisamente nestes momentos nada bos para a economía en xeral é cando temos que apostar polo que fixo e fai Burela, e sen dúbida tamén axudará de forma relevante a facer Burela no futuro”.
O rexedor burelés ratificou o seu convencemento, expresado nas últimas semanas, de que “esta edición de Expomar vai ser un éxito. Hai un dato que corrobora o que digo, e é que os hoteis de Burela xa teñen todo reservado para os días da feira”.
A concelleira de Turismo, Mónica Pedre, manifestou que “o que di o alcalde é moi relevante para a economía local. Ademais, non hai que esquecer que Expomar é sen dúbida unha inmellorable promoción do noso concello. Todo o que sexa aportar movemento ó sector hostaleiro repercute positivamente en toda a economía burelesa e mesmo da Mariña”.