“O Goberno Municipal está incumprindo a Lei de Facendas Locais e a Lei de Contratos”
Foz, 24 de maio de 2013.- O BNG de Foz acusa de mala xestión económica e de vulnerar a lei ao grupo municipal de goberno á vista do recoñecemento extraxudicial de crédito que presentou para aprobar na comisión informativa de contas celebrada onte. Hai que recordar que algo que so de forma excepcional se debería facer, como son os recoñecementos extraxudiciais, é un feito que no Concello de Foz ven sendo habitual desde hai anos, tanto por parte do anterior goberno como por parte deste.
O recoñecemento extraxudicial de crédito está composto por 244 facturas correspondentes a gastos realizados en exercicios anteriores, maioritariamente no 2012, que por distintas razóns non puideron imputarse aos orzamentos dos seus respectivos exercicios. O montante total das facturas é de 390.181,93 euros.
Como noutras ocasións, unha minoría deses gastos terían acomodo nos orzamentos do pasado ano e simplemente non foron aprobados no seu momento ben pola presentación da factura con retraso por parte do acredor ou ben por deficiencias no trámite administrativo das mesmas, cousa tamén habitual neste concello pero que non é causa grave. Estamos a falar de 86 facturas que ascenden a 168.322,95 euros as que están nesta situación.
Para o BNG de Foz, o que si é máis grave e preocupante é o que ocorre coa maioría destas facturas, as 158 restantes que facturan 221.858,98 euros, posto que nestes casos non existía a correspondente consignación orzamentaria cando se realizaron os gastos e polo tanto estívose vulnerando a Lei de Facendas Locais por parte do grupo de goberno en canto que prohibe adquirir compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos autorizados nos estados de gastos. Dentro destas facturas tamén existen outro tipo de incumprimentos legais, principalmente aquelas que fan referencia a empresas que están prestando servizos e facturando ao Concello de Foz cando os seus contratos están caducados e polo tanto, vulnerándose a Lei de Contratos (caso dos contratos de recollida de lixo e de papel, limpeza de edificios municipais, mantemento de alumeado público, recadación de multas, mantemento de xardíns, servizo de axuda no fogar, etc.).
Tamén hai que botarlle en cara ao grupo de goberno que non está a cumprir coa obriga de prazos no pago das facturas por parte do Concello, incumprindo a normativa legal vixente que estaba establecido en 40 días. Segundo os informes xurídicos o tempo medio de pago no Concello de Foz no ano 2012 foi de 222 días e o período medio do pendente de pago excedido foi de 356 días, é dicir, case un ano. Así mesmo estase saltando a lei en canto á prioridade e orde de pagos.
Todo isto ben a darlle a razón ao BNG cando no debate dos orzamentos deste ano diciámoslle ao PP que elaborar uns orzamentos é fácil –facer cadrar ingresos e gastos- pero que o difícil é ter un control de gastos axeitado á realidade e restrinxido ás partidas que aparecen nos orzamentos, cousa que este goberno non é capaz de conseguir. Por iso, entre as propostas do BNG no debate dos orzamentos estaba unha maior restrición da vinculación dos créditos ou a implantación xeneralizada de propostas de gasto antes de realizalos para asegurarse de que existe crédito. Ningunha destas propostas foi aceptada polo grupo de goberno.
O BNG abstívose na comisión informativa á hora de votar o recoñecemento extraxudicial porque sería unha irresponsabilidade pola nosa parte negarlle a particulares e empresas o pago de servizos ou subministracións que fixeron. Pero si temos que denunciar e pedirlle unha rectificación inmediata no proceder do goberno municipal do PP, tanto no seu descontrol do gasto que fará diminuír os orzamentos deste ano como a súa irresponsabilidade actuando fóra da lei.
Moción de apoio a Diego Martínez, aprobada
Así mesmo, o BNG felicítase de que a Corporación Municipal de Foz, por unanimidade de todos os grupos políticos, votara a favor da moción de apoio a Diego Martínez Santos, o xove de Foz que foi premiado como o mellor físico experimental mozo de toda Europa.