Foz, 29 de maio de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reuniuse hoxe en Santiago coa secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, para avanzar na elaboración do plan de ordenación municipal. O rexedor, que estivo acompañado por técnicos do Concello e os redactores do PXOM, prevé expoñer ao público o documento antes do verán, para o que é necesario a aprobación no pleno da corporación municipal. Un dos asuntos que se abordaron na xuntanza de hoxe é a problemática que supón para o plan a existencia no municipio focense de máis vivendas construídas que habitantes.
Despois da reunión Javier Castiñeira fixo unha valoración “moi positiva, dentro do programa que ten o grupo de goberno para sacar adiante o plan xeral. Os prazos que tiñamos establecidos para esa nova exposición ao público séguense mantendo e antes do verán ese documento, que están a punto de rematar os redactores, expoñerase para que todos os veciños, con transparencia absoluta, poidan ver como quedan as súas propiedades”.
Para o alcalde o máis importante da reunión “é trasladar a problemática que xurde nos últimos meses por ese exceso de vivendas construídas, como así figura nas estatísticas, porque Foz ten unha peculiaridade extraordinaria, pois hai máis vivendas que cidadáns: hai máis de 10.000 vivendas e menos habitantes, aínda que andamos practicamente moi cerca. Pero iso é unha problemática á hora de executar o plan xeral. Nós entendemos que dende a Consellería deben entender a situación de Foz. Isto supón un déficit nas zonas verdes e de servizos, que van intentar solucionar os redactores, pero é unha parte importante para que o plan teña un bo percorrido neste ano largo que lle pode quedar”.
“A miña confianza é máxima e dentro duns vinte días resolveranse as alegacións, que están practicamente rematadas polo equipo redactor, e o pleno poderá decidir se expoñemos ao público ese novo plan adaptado”, explicou Castiñeira, quen lembrou que “era un documento básico do ano 2007, que outro goberno iniciou; nós o que fixemos foi retomar esa documentación para non perder ningún dos recursos xa executados e, polo tanto, despois de 6 anos hai varias normativas que lle pasaron por enriba e é un documento novo que merece a pena expoñer ao público”.
O rexedor municipal engadiu que o desexo do goberno municipal é que “nestes vindeiros anos o Concello de Foz poida ter unha normativa urbanística adecuada aos tempos e non como a que hai agora, do ano 1981, cuns parámetros completamente distintos aos que se necesitan hoxe”.
Javier Castiñeira rematou cun agradecemento á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo “pola súa disposición dende que retomamos o plan, pois o ano pasado aportaron financiamento para que fora posible rematalo; e agora atendendo ao equipo municipal encargado da redacción, que plantexou unha realidade extraordinaria con cerca de 5.000 vivendas máis que no ano 2001 e cun déficit en equipamentos e zonas verdes duns 40.000 metros cadrados, o que hai que resolver cunha solución que se contemplará no novo PXOM”.