O Valadouro, 13 de xuño de 2013.- O Partido Popular do Valadouro denunciou hoxe que a acta do último pleno municipal certifica que María José Fernández asumiu o compromiso de facer público o documento notarial que inclúe o pacto de goberno no Valadouro. Unha promesa que a día de hoxe –lembran desde o PP- aínda non cumpriu.
Os populares fixeron pública a acta, que certifica e resume de xeito oficial as palabras de María José Fernández, en a que se indica de xeito literal que a portavoz de Udival “di a todo veciño de Valadouro que este interesado en coñecer o acordo que pode achegarse a calquera deles e seralle facilitado”.
O PP solicitou formalmente o pacto de goberno, asinado ante notario, a través do rexistro de entrada do Concello pero recibiu o silencio oficial por resposta o que demostra que Maria Jose Fernández nunca tivo intención de cumprir “porque hai un interese moi evidente en mantelo oculto”.
O PP do Valadouro acusa á concelleira de Udival de estar obsesionada con evitar que os veciños coñezan o contido do documento notarial, “ese que segundo ela presumía tiña previsto poñer no taboleiro de anuncios municipal” e lembran que tan só un semana serviulle para cambiar de parecer. Os populares conclúen asegurando que un Goberno que segue a manter un pacto oculto convértese nun goberno ilexítimo.