Lugo, 17 de xuño de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, mantén o seu apoio ao programa “Cultura e Territorio” promovido pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), cunha aportación económica de 25.000 euros que, segundo explicou o delegado de Cultura, Mario Outeiro, tras unha xuntanza co presidente da asociación, Anxo Manoel Lamelo, “permitirá ao colectivo desenvolver un conxunto de actividades orientadas á sensibilización da poboación sobre a importancia de entender o territorio como un valor patrimonial e cultural que se debe protexer”.
O programa contempla 15 charlas-obradoiro en centros educativos de ensino medio e primario; o III Concurso de relatos curtos sobre ‘O lugar no que vivo’, que conta cunha categoría xuvenil e outra para adultos e que permitirá seguir recompilando a tradición oral e escrita e fomentar a creatividade escrita arredor do territorio e do medio ambiente, xeradores da riqueza cultural; o III Concurso de fotografías polo territorio e o III Concurso de curtametraxes, cos que se pretende analizar e facer unha observación da nosa realidade cultural e física; as Xornadas sobre Cultura e Territorio, o Ciclo Documental ‘A Nosa Terra, a Nosa Cultura”, o II Festival de Humor ‘Rir por non chorar’, así como a creación e mantemento de recursos asociados ás novas tecnoloxías da información.
Todas estas actividades configuran unha campaña pola defensa do territorio ao longo do país coa que se pretende dar a coñecer as agresións tanto físicas como culturais á que está sendo sometido desde distintos sectores sociais, así como concienciar á sociedade respecto a este tema. Neste senso, Mario Outeiro incidiu en que “temos unha cultura propia e definida, da que un aspecto importante é o territorio, polo que debemos estar activos na súa preservación, algo ao redor do que Adega leva traballando máis de 25 anos, o que xustifica o noso decidido apoio á actividade que desenvolve”.