Lugo, 14 de xuño de 2013.- A Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Lugo, constituída por representantes da Administración e das Cámaras de Comercio, informa de que se levan recibido arredor de 500 solicitudes de empresas lucenses para formar parte do censo electoral. Estas solicitudes, recollidas tralo prazo aberto ata o pasado 12 de xuño, súmanse ás máis de 100 empresas que xa formaban parte do censo.
Tras a resposta do empresariado lugués ao chamamento a comprometerse co futuro do ente cameral, e despois de procesar todas as inscricións, que poderían continuar a recibirse a través do correo ordinario, procederase a anunciar en próximas datas a exposición pública do censo electoral durante un prazo de 20 días naturais.
Unha vez cumpridos os diferentes procedementos e prazos legais, iniciarase o trámite das candidaturas para a convocatoria de eleccións. A Comisión Xestora, constituída por 9 representantes designados pola Administración pública, e 2 representantes das Cámaras, designados polo Consello Galego de Cámaras, avanza así no obxectivo de restituír a gobernabilidade do ente e a estabilidade das súas funcións.