Barreiros, 13 de xuño de 2013. Na sesión plenaria extraordinaria celebrada onte no Concello de Barreiros aprobouse por unanimidade a ordenanza reguladora do ximnasio municipal, despois de introducir varias modificacións propostas polo PSOE, polo BNG e polo PP, que inclúen descontos para os discapacitados, os estudantes e os parados de larga duración. E tamén se aprobou a ordenanza que regulará o uso das praias barreirenses. O alcalde, Alfonso Fuente, insiste en que non é máis que a aplicación do sentido común e para mellorar a convivencia das persoas que acoden a disfrutar dos areais. O rexedor subliñou que lle dará moito amparo aos socorristas e anunciou que estará en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
Sobre a ordenanza do ximnasio Alfonso Fuente indicou que “saíu para adiante, aínda que se lle fixo algunha modificación. Unha delas foi proposta por nós, polo PP, para incluír descontos a persoas con algún tipo de discapacidade. Outra proposta fíxoa o BNG para reducirlles a taxa ao estudantes, que tamén nos pareceu correcto. E o PSOE propuxo descontos para os parados de larga duración. Unha vez efectuados todos estes cambios a ordenanza saíu adiante”.
O alcalde de Barreiros sinalou que “onde houbo máis debate foi na ordenanza que regulará o uso das praias do municipio. A normativa estivo mal enfocada por quen mal intencionadamente quixo sacar de contexto algúns dos artigos. Dita ordenanza non é máis que a aplicación do sentido común nun espazo que é público e para disfrute de todos”. Fuente Parga relatou que “na xuntanza que tiven cos responsables da asociación North Shore Surf de Barreiros fixemos uns cambios para que poidan convivir a práctica do surf cos bañistas”.
O rexedor subliñou que “esta ordenanza é algo que ven demandando desde hai moito tempo Bandeira Azul, que hai que regular eses espazos, é algo que esixe Bandeira Azul e que tiñamos que sacar adiante. É unha normativa que non vai en contra de ninguén, a pesares do que queiran facer ver algúns. Regúlanse moitas cousas como os desperdicios que se deixan nas praias. Todos sabemos que non se poden deixar, pero aquelas persoas que os deixen aí e que non queren atender ás nosas indicacións haberá que sancionalos. Non ten carácter sancionador, pero aquel que incumpra e que iso supoña que as súas actitudes xeren gastos para todos veciños tendo que incrementar a limpeza, terán que pagar a sanción correspondente se non fai un uso cívico da praia”. O alcalde manifestou que “o ideal sería non ter que recadar nada, porque iso querería dicir que todo o mundo se comporta correctamente nos areais, disfruta e permite disfrutar aos demáis en condicións”.
Alfonso Fuente engade que “sempre houbo unha boa convivencia nas praias, pero non é verdade cando din que non hai problemas. Sí que hai problemas e moitas veces eses problemas chegan vía correo electrónico a Adeac. Todos estamos a facer esforzos para manter as bandeiras azuis nas nosas praias, Barreiros ten que seguir a distinguirse doutros concellos e tiña que regular, polo tanto, o uso dos areais”. O alcalde de Barreiros destacou que “o ordenanza lles dará moito amparo aos socorristas para efectuar as indicacións correspondentes aos bañistas e aos usuarios das praias”.